91 anos do recoñecemento de Galiza como nación pola Sociedade de Nacións

O 16 de setembro de 1933 arrancaba en Suíza o  IX Congreso das Nacionalidades Europeas, de onde Galiza saíu recoñecida como nación e incorporada a ese organismo dependente da Sociedade de Nacións.

Plácido Castro na etapa como correspondente en Londres de 'El Pueblo Gallego', 1927.
photo_camera Plácido Castro na etapa como correspondente en Londres de 'El Pueblo Gallego', 1927.

Berna, a capital de Suíza, acolleu entre o 16 e 18 de setembro de 1933 as sesións plenarias do IX Congreso das Nacionalidades Europeas. No encontro, estiveron presentes representantes de perto de 30 nacións sen Estado ou minorías nacionais do continente europeo.

A xuntanza permitiu posteriormente a Daniel Castelao escribir no Sempre en Galiza que “Galiza é unha nacionalidade, e como tal foi recoñecida en Berna, polo IX Congreso das Minorías Nacionais, adscrito á Sociedade de Nacións”.

A proposta galega ao plenario, parte do cal ficaría recollido nas conclusións finais, estaba apoiada nun relatorio elaborado por Vicente Risco onde afirmaba que “Galiza é unha nación ben definida”, ao tempo que reivindicaba “o dereito innegábel do pobo galego a dispor de si mesmo”.

O recoñecemento de Galiza como nación por un organismo dependente da Sociedade de Nacións foi resultado da acción exterior do Partido Galeguista (PG), que cos seus escasos medios desenvolveu unha acción sistemática neste campo.

A axenda internacional do nacionalismo

A axenda internacional do nacionalismo buscaba articular unha correlación de forzas no Estado español favorábel ao recoñecemento das nacións que o conformaban, internacionalizar o problema nacional galego, fundamentalmente no ámbito europeo e americano e a apoiar as loitas de liberación nacional que se daban ao longo do mundo.

O Partido Galeguista primaba as relacións cos nacionalistas vascos e cataláns, formalizadas en 1933 baixo a denominación de Galeusca pero que viñan dar continuidade a unha amizade de vello que tiña como antecedente máis recente a Tripla Alianza de 1923 pero que arrancaba xa desde o século XIX.

Un eixo central da actuación internacional do nacionalismo galego foi a solidariedade coas loitas dos patriotas de Asia e África, achegando o seu apoio nese momento aos nacionalistas exipcios, alxerinos, palestinos ou indonesios, o que implicaba unha impugnación da ideoloxía eurocéntrica. 

Plácido Castro

A peza chave do aparato internacional do Partido Galeguista foi Plácido Castro. Responsábel durante tres mandatos da secretaría internacional da formación, a súa actuación veuse favorecido polas súas propias inquedanzas persoais e pola súa formación políglota.

Castro correu co groso dos traballos que remataron co recoñecemento de Galiza como nación no IX Congreso das Nacionalidades Europeas da Sociedade de Nacións, onde estivo presente como representante galego.

O camiño para o recoñecemento de Galiza como nación e a súa incorporación ao Congreso das Nacionalidades Europeas arrancou no encontro mantido en Euskadi durante o Aberri Eguna de 1933 entre o secretario xeral da entidade Ewald Ammende e o deputado nacionalista galego Ramón Otero Pedraio.

Ammende na Galiza

Ewald Ammende, membro da minoría alemá de Estonia, non tardou en desprazarse a Galiza, para reunirse en abril de 1933 coa dirección do Partido Galeguista, onde se sentaron as bases para a integración do país do club das nacións sen Estado de Europa.  

Ammende, nunha entrevista publicada en El Pueblo Gallego  do 25 de abril de 1933, afirmou que “ agardo que a aprobación do estatuto catalán sexa seguido polo de Euskadi e Galiza”. 

 “Os dereitos das pequenas nacionalidades europeas”, afirmou Ammende, son “o camiño para solucionar os problemas entre os pobos e os Estados”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios