O ministro de Economía alude a Altri e advirte: "Con fondos europeos non se pode financiar nada que dane obxectivos ambientais"

Carlos Cuerpo asegura que a concesión de axudas europeas "sempre está condicionada á avaliación final do cumprimento das condicións que esixe a Comisión Europea"
O ministro de Economía, Carlos Cuerpo, xunto á alcadesa da Coruña, Inés Rei, e o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet este 16 de setembro na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera O ministro de Economía, Carlos Cuerpo, xunto á alcadesa da Coruña, Inés Rei, e o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet este 16 de setembro na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O ministro de Economía, Carlos Cuerpo, deixa en mans de Bruxelas a toma de decisión final sobre a concesión de axudas públicas a Altri para a posta en marcha do seu proxecto Gama en Palas de rei (A Ulloa).

Segundo afirmou nunha entrevista recollida no anuario do Foro Económico de Galicia, no caso de Altri, "igual que nos demais proxectos, a asignación de axudas sempre está condicionada á avaliación final do cumprimento das condicións que esixe a Comisión Europea".

Carlos Cuerpo asegura que "de especial relevancia é o principio de non facer prexuízo significativo aos obxectivos ambientais, segundo o cal cos fondos do Plan de Recuperación non se pode financiar nada que dane obxectivos ambientais ou sociais", engadiu.

Altri exixe 250 millóns de euros de fondos públicos, un 25% do investimento total previsto en Palas de Rei. A compañía lusa situou a orixe desta cantidade na Xunta a través dos fondos europeos rexionais destinados a incentivar a localización de industria na Galiza, e os fondos do Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) da descarbonización, que o Goberno do Estado ten que tramitar.

"Rectificar é de sabios"

Por outra parte, A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, valora que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mostrase agora o seu rexeitamento firme ao proxecto de Altr: "Sempre creo que rectificar é de sabios", afirmou esta segunda feira.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, rexeitou o proxecto de fibras téxtiles de Altri este domingo, nunha entrevista na Cadena Ser, ademais de pór en dúbida que cumpra os requisitos para poder acceder a fondos europeos.

Ao respecto, Pontón puxo en valor "todas as voces que se sumen a dicir non a un proxecto que supón pór unha bomba ambiental no corazón deste país". "A única posición racional e lóxica é cuestionar un proxecto que claramente está a pór en risco miles de postos de traballo no noso país nas actividades que hai na Ulloa pero tamén na ría de Arousa", apostilou.

"Todas as voces que vaian na única dirección sensata e correcta que é a de dicir 'Altri non' e reclamar que eses recursos se invistan no noso territorio no canto de darllos a unha multinacional para contaminar o noso país creo que van na boa dirección", afirmou. "Aí estamos no BNG desde o minuto un, no que coñecemos cal era o alcance deste proxecto", agregou.

"Espero que o PP deixe de facer de comercial de Altri, empece a defender os intereses dos galegos e as galegas", recrimina Ana Pontón.

Esta mesma segunda feira, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, tachou de "bochornosas" as manifestacións do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

Comentarios