Altri exixe 250 millóns de euros de fondos públicos e ao tempo afirma ser "moi solvente"

Catro cargos directivos de Greenfiber (Altri e Greenalia) e o seu CEO, Soares de Pina, compareceron esta segunda feira en Compostela nunha rolda de prensa sobre a celulosa que impulsan na Ulloa. O rexeitamento social á pasteira é "por desinformación", consideran, e insisten en que "respecta o medio". O CEO da empresa portuguesa recoñece as 100.000 toneladas de CO2 que ao ano emitiría a pasteira, mais di que será "bioxénico".
O CEO de Altri, Jose Soares de Pina (Foto: Arxina).
photo_camera O conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina (Foto: Arxina).

O Hostal dos Reis Católicos en Compostela foi o escenario escollido esta segunda feira por Greenfiber (Altri e Greenalia) para convocar unha rolda de prensa cos medios de comunicación, a primeira que ofrecen desde o anuncio do seu proxecto para instalar unha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa). Cinco cargos directivos de Greenfiber (segundo os carteis acreditativos da mesa) que en todo momento interviron como Altri, compareceron diante de medios de todo o país durante case dúas horas de preguntas nas que o conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina, insistiu en defender que este proxecto “respecta o medio ambiente”, aínda que en ningún momento da exposición e en boa parte da rolda de preguntas se nomeou a palabra “celulosa”, a pesar de que a fábrica de Palas de Rei pensa producir 400.000 toneladas ao ano deste produto. A preguntas de Nós Diario arredor dos fondos públicos que a empresa reclama para levar adiante a macrocelulosa (25% do investimento, 250 millóns de euros), Soares de Pina negou o argumento dos problemas financeiros que o ex conselleiro de Economía, Francisco Conde, esgrimiu o mes pasado no Congreso dos Deputados para “facer viábel o proxecto”. 

Para instalar Altri "precisamos a seguridade xurídica”, di Soares

Pola contra, Altri asegura que é “unha empresa moi solvente, unha das mellor situadas a nivel mundial e un referente en Europa dentro desta industria”. Repreguntado por se o argumento do PP para pedir fondos no Congreso era falso, o CEO de Altri asegurou que “non está en risco o proxecto, temos investidores por todo o mundo e somos capaces de manexar un negocio solvente e de futuro”.

O CEO de Altri responsabiliza os medios da crítica social á fábrica

Logo desta pregunta de Nós Diario foron outra ducia de cuestións de distintos medios sobre a necesidade de fondos públicos para o Proxecto Gama (para a instalación da celulosa na Ulloa), froito de contradicións de Pina que rematou por deixar claro que para implantar a celulosa en Palas de Rei “precisamos a seguridade xurídica” que agardan da obtención da declaración integrada de impacto ambiental (AAI) que tramita a Xunta da Galiza, e dun “financiamento solvente que precisa de 25% do investimento total procedente de fondos públicos”. Situou a orixe destes fondos na Xunta a través dos fondos europeos rexionais destinados a incentivar a localización de industria na Galiza, e os fondos do Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) da descarbonización, que o Goberno do Estado ten que tramitar. A respecto destas dúas fontes de financiamento público, o CEO de Altri asegurou que “temos un diálogo moi fluído” coas dúas Administracións.

Altri culpa á prensa

Foron moitas as cuestións arredor tanto do número de alegacións presentadas ao proxecto (23.000 segundo a Consellaría de Economía e Industria) e o rexeitamento social a Altri que o pasado 26 de maio desbordou as rúas de Palas de Rei cunha manifestación en contra da macrocelulosa, con máis de 20.000 asistentes. A respecto das alegacións, Soares de Pina asegurou non estar sorprendido polo elevado número delas, “non son 23.000 os alegantes, pero isto é normal”, dixo. Afirmou tamén que “estamos estudando e imos darlles resposta, tomará algo máis de tempo”.

Tamén considera que é “normal” que un proxecto como este “xere opinións diversas”, pero durante as case dúas horas de rolda de prensa asegurou que a contestación social ao proxecto é “porque moitos argumentos formulados na prensa conteñen desinformación, hai argumentos que non son correctos”.

Emisións de CO2

Soares de Pina negou no encontro coa prensa todos os posíbeis impactos ambientais da macrocelulosa denunciados estas semanas por entidades como SOS Sanidade Pública, a ecoloxista Adega ou a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa. O argumento foi o mesmo en cada caso: todas as emisións ao ar e á auga por parte da fábrica “están dentro dos parámetros legais permitidos”. Reiterou que a auga “non se consumirá senón que se usará” e voltará tratada ao río Ulla, aínda que sobre a temperatura da vertedura recoñeceu que a estas alturas a empresa non ten claro este dato, que segundo dixo forma parte da “enxeñaría de detalle” que se desenvolverá cando o fagan os equipos de produción. “A temperatura final da vertedura non está finalizada, temos que desenvolver esa parte ao detalle e cumprir a normativa”.

Soares negou que Altri oculte no seu proxecto as emisións de CO2 da fábrica da Ulloa, mais non desmentiu os cálculos de expertos da Universidade de Santiago que cifran estas emisións en 100.000 toneladas de CO2 ao ano. O CEO de Altri non falou dunha cifra oficial da empresa (que de feito non aparece no proxecto) pero si puxo en cuestión os expertos da USC que fixeron estes cálculos: "Todos temos opinión e haberá catedráticos que teñan a contraria”, dixo Soares. Afirmou que o CO2 que a fábrica vai emitir “é bioxénico, deriva de fontes renovábeis e non de combustíbeis fósiles”, aínda que a pegada de carbono e a toxicidade deste CO2 bioxénico sexa a mesma. Negou que Altri recibira sancións das autoridades lusas pola súa actividade contaminante no río Texo, aínda que rematou recoñecendo a preguntas dos medios un episodio en 2018 sobre o que asegurou que “nunca se demostrou a súa orixe”. O mesmo fixo en referencia a outras cuestións e advertencias de entidades sociais por impactos na ría de Arousa ou o Camiño de Santiago, acusando a “desinformación” das críticas e alegacións ao proxecto até afirmar que a celulosa “non vai ter impacto sobre o medio ambiente natural, estaremos por debaixo dos límites legais”.


Veciñanza con pancartas de "Altri non" recibe os directivos da empresa

Un grupo de membros do colectivo Compostela Viva, integrante da Plataforma Ulloa Viva, concentrouse esta segunda feira na praza do Obradoiro, ás portas do Hostal dos Reis Católicos, para amosar a súa posición en contra do proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei. Desde as dez da mañá, varias ducias de persoas exhibiron no Obradoiro pancartas con lemas como “Altri Non”, “Auga limpa, peste fóra, celulosa fóra da Ulloa” ou “Xunta traidores e expropiadores”. Os veciños e as veciñas asistentes non tiveron contacto algún cos directivos de Altri, que desde primeira hora da mañá estaban dentro do recinto do Hostal.

Os asistentes estaban controlados por efectivos da Policía Nacional, que mesmo retransmitiron por radio os lemas que aparecían nas pancartas, e que non tiveron que intervir para nada, dado o carácter pacífico da concentración. Os membros da plataforma limitáronse a explicar aos medios de comunicación e ás persoas que neses intres transitaban pola praza do Obradoiro, o feito de que unha macrocelulosa “no corazón da Galiza” suporía o final da calidade de vida, o benestar, a produción gandeira e o futuro das comarcas da Ulloa, O Deza, Terra de Melide e Arzúa.

Desde a rúa, os veciños e as veciñas criticaron que a empresa portuguesa nos últimos meses "dera plantón" á veciñanza en varias reunións e mesmo a 500 gandeiros de porcino na Semana Verde da Galiza en Silleda (O Deza) na sexta feira, e leve a cabo outros actos nos que “si parece que queren explicarse, pero non para os veciños e as veciñas, que levamos dous anos sen recibir información algunha da empresa”.

Comentarios