Pedro Sánchez reunirase con Alfonso Rueda a vindeira sexta feira, 20 de setembro

O encontro terá lugar dentro da rolda de entrevistas deseñada polo Goberno español con presidentes e presidentas das comunidades autónomas.
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda e o presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, durante a súa reunión no Palacio da Moncloa, o 28 de xullo de 2022
photo_camera O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda e o presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, durante a súa reunión no Palacio da Moncloa, o 28 de xullo de 2022

Sánchez recibirá finalmente Alfonso Rueda esta mesma semana. O presidente da Xunta decidiu adiar a viaxe que tiña previsto realizar este mes a Brasil –sería a súa segunda visita institucional ao exterior neste mandato, tras a realizada a Arxentina– para acudir á convocatoria realizada polo xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, con quen se reunirá a vindeira sexta feira, día 20.

Fontes do Goberno galego confirmaron a Europa Press que a pasada sexta, xornada na que transcendeu a vontade de Sánchez de convocar unha rolda de contactos bilaterais cos mandatarios autonómicos seguindo a orde estatutaria, o equipo da Presidencia do Goberno púxose en contacto co departamento homólogo na Xunta.

Máxima prioridade

Nestas comunicación, as mesmas fontes aseguraron que o equipo de Moncloa propuxo como data de encontro entre Rueda e Sánchez o 20 de setembro, día no que, en principio, ía iniciar a viaxe institucional na que o presidente galego tiña axendadas varias reunións coa colectividade galega, gobernadores e empresarios.

Malia a todo, desde Presidencia da Xunta apuntaron que a audiencia con Sánchez –a quen Rueda afeou reiteradamente a súa tardanza en recibilo tras a súa investidura– é "absolutamente prioritaria", polo que, ao longo da fin de semana, procederon a facer as xestións necesarias encamiñadas a aprazar a viaxe e poder acudir á reunión.

Así se lle comunicou esta fin de semana ao equipo do presidente do Goberno estatal. A Xunta espera que se respecte a orde estatutaria na rolda de reunións e que Rueda se converta esta sexta feira, día 20, no terceiro mandatario autonómico recibido por Sánchez, após os presidentes de Euskadi e Catalunya.

Con demandas en materia de infraestruturas e outras cuestións, o equipo de Rueda anticipou que levará ao encontro un lista de peticións para a Galiza, ás que, sostén, é imprescindíbel dar resposta "canto antes".

Comentarios