O PIB galego medra por baixo do estatal: a baixada de 10% na actividade comercial exterior lastrou a economía no ano 2023

O Foro Económico de Galicia fixo esta segunda feira a presentación do seu Anuario 2024, nun acto que contou coas intervencións do ministro español de Economía, Carlos Cuerpo, e da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá. A institución sinala a produtividade como unha das materias clave a mellorar no futuro.
O ministro de Economía, Carlos Cuerpo, interveu esta segunda feira na Coruña na presentación do Anuario 2024 do Foro Económico de Galicia (Foto: M. Dylan / Europa Press ).
photo_camera O ministro de Economía, Carlos Cuerpo, interveu esta segunda feira na Coruña na presentación do Anuario 2024 do Foro Económico de Galicia (Foto: M. Dylan / Europa Press ).

Os economistas Fernando González Laxe (tamén ex presidente da Xunta da Galiza), José Francisco Armesto e Patricio Sánchez constatan na súa análise de conxuntura para o Anuario 2024 do Foro Económico que o produto interior bruto (PIB) galego creceu no ano 2023 "a un ritmo inferior á media do Estado, mais superior á evolución da Unión Europea (UE) e da zona euro".

"A pesar da desaceleración do PIB, o mercado laboral galego mellorou en participación, emprego e redución do paro e a temporalidade", engaden os economistas. Porén, segundo explican, a Galiza "segue tendo unha das taxas de actividade e ocupación máis baixas do Estado e mostra menor dinamismo na creación de emprego".

Este menor crecemento da economía galega con respecto á estatal dáse nun contexto, sinalan, no que "a xeopolítica ten en vilo á sociedade internacional, debido á crecente rivalidade e competencia estratéxica entre os principais bloques e potencias". Ao respecto, din, "este panorama complexo está xerando novas oportunidades nunha globalización máis incluínte, mais tamén unha economía máis fragmentada con menos multilateralismo".

Neste sentido, "o sector exterior galego tivo un mal ano en 2023, cunha caída do 10,6% na actividade comercial, superando a contracción do 4,6% no conxunto do Estado español", destacan os membros do Foro.

Por outra parte, na súa introdución ao Anuario 2024, os economistas Emilio Pérez (presidente do Foro Económico de Galicia) e Santiago Lago (director da entidade), sosteñen que, nas últimas dúas décadas, tanto o Estado español como a Galiza experimentaron "un crecemento da produtividade significativamente inferior ao doutras economías avanzadas, afectando case todas as áreas económicas". Por este motivo, segundo aseveran, "é esencial" que a Xunta da Galiza adapte as súa medidas "ás particularidades da economía galega", especialmente en áreas clave como é o caso da formación, da I+D+i e das infraestruturas.

A nivel estatal, Pérez e Lago  apostan pola creación do Consello da Produtividade coa intención de "realizar análises para impulsar a competitividade e produtividade da economía estatal", o que ofrecería "unha oportunidade para mellorar a calidade institucional e abordar estes problemas".

A necesidade de abordar este ámbito foi admitida polo ministro de economía, que fixou como retos principais para a economía mellorar a produtividade e avanzar, a través do diálogo social, na redución da xornada laboral. "A evidencia empírica indica que se pode dar este paso sen afectar negativamente á produtividade nin aos salarios dos traballadores, o diálogo social vai ser clave para que poidamos fechar ese círculo", dixo Carlos Cuerpo.

Fondos de recuperación

O titular de Economía instou a Xunta a "pisar o acelerador" na convocatoria das axudas dos fondos da UE, mentres que a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, aproveitou a coincidencia co ministro para reclamar a "descentralización" dos mesmos ante "unha práctica xestión exclusiva por parte do Estado".

Este argumento foi rexeitado por Cuerpo, quen reivindicou as achegas feitas á Galiza e apelou a unha maior celeridade nas convocatorias, así como a executar no "menor tempo posíbel" as contías para que cheguen "á economía galega".Por outra parte, asegurou que, do total de fondos recibidos pola Galiza, o 45% foron asignados directamente á Administración galega. "Hai espazo para aumentar o ritmo de convocatorias", insistiu o ministro.

Aluguer para a mocidade

Preguntado respecto á reunión coas autonomías sobre o bono de aluguer para as persoas mozas, o ministro aseverou que hai "poucos obxectivos que sexan tan claros como axudar aos mozos no seu acceso alcanzábel ao mercado da vivenda". Por iso, apelou a "contribuír desde todas as Administracións" a este obxectivo, polo que instou as autonomías a "pisar o acelerador neste tema" pola importancia da cuestión. 

Comentarios