Pablo García faise coa vitoria de etapa en Sarria e coa camisola amarela

O corredor madrileño do Polti Kometa foi o máis rápido do cuarteto que se destacou na segunda subida ao alto de Montán.

Entrada en meta en Sarria da segunda etapa da Volta á Galiza. (Foto: FCG).
photo_camera Entrada en meta en Sarria da segunda etapa da Volta á Galiza. (Foto: FCG).

A segunda xornada da Volta á Galiza mudou a clasificación da anterior, que gañara coa contrarreloxo Francesc Bennassar (Padronés Cortizo), para ceder a camisola amarela de líder a Pablo García (Polti Kometa). A etapa desta sexta feira, cunha tirada de 160 quilómetros con inicio e chegada en Sarria, fixo que saltara desde o sexto posto da xeral ao primeiro. O corredor madrileño foi o máis rápido do cuarteto que se destacou na segunda subida ao alto de Montán e defenderá a camisola de líder hoxe en Xinzo de Limia.

Esta primeira etapa en liña ofrecía un percorrido con tres portos puntuábeis de 3ª categoría. Co maillot amarelo, Francesc Bennassar ampliou ao principio a súa vantaxe como líder pasando segundo pola Meta Volante de Castroverde, por detrás de Eusebio Pascual (Vigo-Rías Baixas), e sumou outros dous segundos de bonificación na primeira das dúas Metas Volantes de Sarria, nesta ocasión superado por Gabriele Bessega (Polti Kometa). Entre eses dous puntos quentes ascendeuse o alto de Baralla. No seu cumio puntuou primeiro Joel Morales (Torres Trigón).

Ningunha escapada conseguiu consolidarse nos primeiros 100 km e até a primeira das dúas subidas ao alto de Montán non se rachou a unidade do pelotón. Mateu Estelrich (Supermercados Froiz) pasou polo premio da Montaña en cabeza dun grupo no que non se atopaba Francesc Bennassar, despedíndose das opcións de conservar a camisola amarela. Martín Rey, un compañeiro do líder derrocado, levábase os 3 segundos en xogo na segunda Meta Volante de Sarria. Restaban 30 km e no arranque da segunda volta ao circuíto marcaban o ritmo cinco corredores do Eolo Kometa, o equipo máis representado en cabeza de carreira.

Ataque chave

O traballo do conxunto da Fundación Contador á fronte do grupo rachouno Eusebio Pascual no inicio da segunda subida a Montán. Ao ataque do alacantino do Vigo-Rías Baixas responderon José Luis Faura (Padronés Cortizo), Estanislao Calabuig (Caja Rural – Alea) e dous ciclistas do Polti Kometa, Antonio González e Pablo García. Deste quinteto cedeu Calabuig antes de comezar os 12 quilómetros de descenso cara á meta con 40 segundos de vantaxe respecto aos seus perseguidores.

A renda resultou suficiente aos catro de cabeza para xogarse a vitoria e 10” de bonificación na rúa da Liberdade de Sarria. Antonio González lanzou o esprint e o seu compañeiro Pablo García impuxo a súa punta de velocidade ante Eusebio Pascual e José Luis Faura, segundo e terceiro respectivamente. Esa mesma orde ocupan na xeral os tres primeiros clasificados na etapa, co líder avantaxando en 15” ao segundo clasificado. O grupo perseguidor entrou 34” máis tarde comandado por Martín Rey.

Comentarios