Viveiro vivirá esta fin de semana a final do Campionato de andadura galega

O Campionato de andadura galega chega o sábado ao seu fin. As probas das modalidades chapeada e serrada terán lugar no campo de fútbol de Celeiros, en Viveiro (A Mariña) e desde a Federación Hípica Galega amosan a súa satisfacción polo feito de que en seis anos se duplicaran os cabalos participantes.
mosaico
photo_camera mosaico

Esta fin de semana remata o Campionato de andadura galega, que nesta edición contou con doce probas puntuábeis, realizadas por toda a Galiza e nas que colaboraron concellos e asociacións hípicas. A final será este sábado no campo de fútbol de Celeiro, en Viveiro (A Mariña), e está organizada pola Asociación Cabaleiros do Landro en colaboración coa propia Federación Hípica galega (FHG). A Andaina é unha modalidade hípica tradicional que consiste en desprazar o cabalo por bípedos laterais, de forma sucesiva e tamén uniforme. É dicir, o cabalo desprázase movendo tanto o pé como a man dun lado e do outro á vez, de forma alternativa, conseguindo un movemento moi estábel para o xinete e dotando o cabalo dunha velocidade inferior ao galope mais moi superior ao trote.

Para esta final están previstas probas das categorías -150 serrada, -150 chapeada, +150 serrada, +150 chapeada, Sub-16 e cabalos novos (en serrada e chapeada). A responsábel desta modalidade na Federación Hípica Galega (FHG), Ana González, explica a Nós Diario que particularidades teñen as diferentes variedades. " Na andaina serrada ou en dous tempos, o cabalo desprázase apoiando os bípedos do mesmo lado á vez e realizando un son de dous golpes no chan", indica, "pola contra, na andaina chapeada ou en catro tempos, o animal desprázase nos bípedos laterais, apoiando primeiro o pé que a man, realizando así un son moi representativo, xa que toca de forma alterna cos catro pés no chan", agrega. 

Para definir as diferentes categorías, os cabalos que corren mídense a principios da tempada "tomando como referencia a altura da súa cruz, polo que se mide desde o chan até a cima da súa cruz", aclara Ana González.

Porén, desde a federación admiten "unha marxe de 1 centímetro para os casos en que o equino estea ferrado". No caso dos cabalos que participan en Sub-16 non hai tempo na carreira "é máis ben unha maneira de atraer xente nova e que se adapten para cando teñan que competir nunha categoría superior". 

A final en Celeiro 

Desde a federación sinalan que até onte, cando faltaban unhas horas para o feche das inscricións, había uns 120 cabalos rexistrados. Todos deberán realizar un circuíto de, como máximo, 150 metros. Haberá dous conos e darase a saída nun deles. O individual sempre se realiza nunha recta e, desta vez, haberá  ademais unha proba por equipos de catro xinetes pola tarde.
Tal e como foi esta tempada hai cabalos e xinetes con posibilidades de obter o triunfo final pola puntuación que acumularon. É o caso de César Rodríguez Vázquez con Paris en -150 chapeada ou de Darío Casas Rodríguez con Dolar en +150 serrada. Neste última categoría está en disputa a medalla de bronce entre Lea Prado Leal con Bambino e Rubén Gómez Quintián con Indiana. 

Experiencia de andadura

O secretario da entidade, David Gradaille Louzao, ademais de estar na organización tamén compite, no seu caso en +150 chapeada co seu cabalo Dolar. Conta a Nós Diario que entrou no mundo dos cabalos hai 12 anos a través de amizades e rematou por namorar da andadura galega. En 2018 creou, xunto coa veciñanza e amizades, a asociación Cabaleiros do Landro e comezaron a realizar carreiras de andadura e unha ruta até o monte San Roque. A desta fin de semana será a quinta edición, un percorrido que lles dá certa experiencia neste tipo de eventos hípicos. "Ademais da tradicional, innovamos este ano cun circuíto circular o domingo, catro cabalos en pista e sen tempos".  Para esta edición inscribíronse xinetes e cabalos "de toda Galiza e tamén de Portugal".

As medallas

De cara ás medallas, e como xinetes con posibilidades, Nós Diario contactou con César Rodríguez Vázquez, Darío Casas Rodríguez e Lea Prado Leal. O primeiro, desde Chantada (comarca homónima), admite a posición de favorito pola distancia co resto de corredores e corredoras. "Esta semana monteino dúas veces, non precisa máis por ser un cabalo de nove anos e xa sabe o que te que facer", considera. Repite con Paris, co que gañou a competición o ano pasado mais tamén levou o ouro en 2016. "O máis importante é que estea tranquilo, que non estea todo o día na corte", apunta. 

Darío Casas, pola súa parte, relata que aos cabalos que non saben a andadura galega "hai que aprendelos de pequenos e logo xa lles queda". O seu, Dolar, ten cinco anos e leva competindo dous. "O adestramento consiste en paseos", afirma, sempre pola parroquia de Labazengos, en Moeche (Ferrolterra). 

Por último, outra candidata á medalla é Leal Prado, de Vilalba (A Terra Chá). "Hai nervios, xogámonos moito", confesa. Para o sábado non cambiará moito a rutina de Bambino "para que non note a diferenza e sexa un día tranquilo, como se fose un día de feira normal". Corre na federación desde o 2018 e coñece a proba de Viveiro. O feito de iniciarse na andadura ese ano ten relación, coa chegada de Bambino, por "dárselle moi ben".

Toda unha modalidade tradicional que vai a máis

Ana González leva seis anos á fronte da vogalía de andadura galega cando comezou nesta modalidade federada había "50 cabalos", polo que asegura que tivo "problemas para sacar carreiras" e só podía contar con facer cinco. Pola contra, sinala que este ano "tivemos doce carreiras e 120 cabalos. polo que penso que a evolución foi moi positiva". 

Para a responsábel federativa, esta evolución tamén se explica "pola forte tradición que hai en Galiza". Con todo, hai cambios, sobre todo nos cabalos. "Agora son cabalos máis deportivos e non se conforman con competir cos que teñen na casa", asevera, "veñen moitos da modalidade trotón e teñen moita velocidade", conclúe. Neste sentido, hai unha "maior preocupación pola alimentación e hai que chega a traballar con fisioterapeutas".

Modalidade galega

A singularidade dunha das dúas modalidades que hai de andadura marcou tamén a súa continuidade. "A chapeada, só a temos nós", lembra en declaracións a Nós Diario con orgullo David Gradaille. A afección pola súa práctica non diminúe polas dificultades os equinos se non están acostumados. "Podes tardar tres meses ou un ano en competir, depende moito do cabalo", recoñece o secretario da entidade.

Comentarios