O FBI investiga como "posíbel intento de asasinato" un tiroteo perto do club de golf de Donald Trump

O candidato republicano á Casa Branca saíu ileso e asegura que a súa "determinación é máis forte despois doutro intento de asasinato". Hai unha persoa detida.
O candidato republicano á Casa Branca Donald Trump. (Foto: Europa Press / Contacto / Khadejeh Nikouyeh)
photo_camera O candidato republicano á Casa Branca Donald Trump. (Foto: Europa Press / Contacto / Khadejeh Nikouyeh)

"O presidente Trump está a salvo tras os disparos nas inmediacións. Non hai máis detalles neste momento", informou o xefe de campaña de Trump, Steve Cheung, nun breve comunicado este domingo.

O mesmo Trump confirmou que se atopa ben e manifestou o seu agradecemento polos apoios recibidos. "Houbo disparos preto de min, pero antes de que empecen os rumores fóra de control quero que escoitedes isto: estou a salvo e ben", indicou nun correo electrónico remitido á prensa. Trump subliñou que "nada" o freará. "A miña determinación é máis forte despois doutro intento de asasinato. Nunca baixarei o ritmo. Nunca me renderei. Nunca me renderei!", subliñou no mesmo comunicado, recollido pola cadea de televisión NBC.

Os feitos

Trump estaba a xogar ao golf no Club Internacional de Golf Trump de West Palm Beach, en Florida, informou a cadea CNN. O club foi clausurado de inmediato e Trump, trasladado a un lugar seguro. Varias fontes apuntan a que o Servizo Secreto, encargado da seguridade de Trump, abriu fogo contra unha persoa sospeitosa.

A Oficina do Shériff do condado de Martin sinalou na súa páxina de Facebook de que "tras recibir información sobre un sospeitoso no condado de Palm Beach", foi detido cando "se desprazaba nun vehículo". O arrestado "estaría relacionado cun incidente con disparos no Trump Internacional do condado de Palm Beach".

As forzas de seguridade cren que o atacante tentou disparar utilizando un fusil tipo AR que foi recuperado no valo do campo de golf, explicou o shériff do condado de Palm Beach, Ric Bradshaw.

Máis tarde, a Oficina Federal de Investigación (FBI) anunciou está "a investigar o que parece ser un intento de asasinato" contra Trump, apenas dous meses despois dun intento de asasinato na súa contra nun mitin en Pensilvania, e que se saldou co atacante abatido e cun simpatizante falecido.

Bradshaw relatou en rolda de prensa que un servizo secreto viu o canón dun rifle e enfrontouse "ao sospeitoso". Ademais, unha testemuña tomou unha fotografía do seu vehículo, o que conduciu á detención do home. As autoridades "inundaron" a zona de axentes e detiveron un individuo que non estaba armado e non fixo ningunha declaración sobre a súa presunta participación no incidente.

Un detido: Ryan Wesley Routh

Con todo, os axentes atoparon un rifle AK-47, dúas mochilas e unha cámara GoPro no lugar no que o sospeitoso estaba situado entre os arbustos do campo de golf. Segundo fontes policiais, a persoa detida foi identificada como Ryan Wesley Routh, de 58 anos, que tería estado a unha distancia de 400 metros de Trump.

Routh é un crítico frecuente do candidato republicano en redes sociais, ademais de votar nas eleccións primarias demócratas no estado de Carolina do Norte. Ademais, un rastrexo da CNN en redes sociais apunta a que chegou a presentarse como unha ligazón non rexistrada para o Goberno ucraíno co obxectivo de tentar recrutar afgáns para loitar na guerra, sobre a que mostrou o seu apoio a Ucraína en decenas de publicacións.

En 2002 foi arrestado pola Policía despois de atrincheirarse,supostamente, nun negocio cunha arma de fogo. Tamén tivo que pagar miles de dólares en demandas civís e foi acusado polas autoridades estatais e federais de non pagar os seus impostos a tempo.

Reaccións

A Casa Branca informou tras o incidente de que tanto o presidente, Joe Biden, como a vicepresidenta, Kamala Harris, estaban xa ao tanto do ocorrido.

"O presidente e a vicepresidenta foron informados sobre o incidente de seguridade no Club Internacional de Golf Trump, onde estaba o ex presidente Turmp xogando ao golf", indicou a Casa Branca nun comunicado oficial. "Están aliviados tras saber que está a salvo. O seu equipo vainos manter informados regularmente", conclúe o comunicado presidencial.

"A violencia non ten cabida en Estados Unidos", publicou posteriormente Harris na súa conta en X. "Informáronme das informacións sobre disparos perto do ex presidente Trump na súa propiedade de Florida e alégrome de que estea a salvo", apuntou.

Pola súa parte, o presidente Biden, ordenou ao seu equipo que "continúe asegurándose" de que o Servizo Secreto teña "todos os recursos, a capacidade e as medidas de protección necesarias" para garantir a seguridade "continua" do ex mandatario e candidato presidencial Donald Trump.

Comentarios