Saúde

A OMS anima a "mellorar a vixilancia" da mpox e compartir vacinas tras o primeiro caso da nova cepa en Suecia

O director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus. (Foto: Jakob Polacsek / World Economic Forum / DPA vía Europa Press)
Desde o Ministerio de Sanidade español lembraron esta sexta feira nun comunicado que os casos detectados de mpox ao longo do presente ano no conxunto do Estado "non se comportaron de maneira diferente, con outros síntomas ou distinta gravidade", aos que se veñen rexistrando desde 2022. Tamén precisaron que o feito de que se detectase en Suecia un caso da nova variante de mpox "non quere dicir que esa variante non estivese xa previamente".

O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), o doutor Tedros Adhanom, animou esta sexta feira todos os países a "melloraren a vixilancia" sobre os casos de mpox —varíola do mono— despois de que Suecia comunicase o primeiro caso da nova variante fóra de África. "A identificación da primeira infección por mpox clado 1b en Suecia subliña a necesidade de que os países afectados aborden xuntos o virus", sinalou, a través da rede social X.

Deste modo, o director xeral da OMS considera necesario que todos os países compartan datos e traballen para "comprender mellor a transmisión". Ademais, mostrouse a favor de "compartir vacinas" e de "aplicar as leccións aprendidas de anteriores emerxencias de saúde pública de interese internacional para facer fronte ao gromo actual".

Tamén o director rexional da Organización Mundial da Saúde para Europa, Hans Kluge, instou os países europeos a melloraren os controis para detectar casos de mpox. "Como sinalamos anteriormente, era só cuestión de tempo antes de que o clado I de mpox, que parece ser máis severo que o clado II, fose detectado noutras rexións dado o noso mundo interconectado", explicou.

Kluge pediu aos países "asesoramento sanitario público", así como fortalecer o acceso ás vacinas e os antivirais. "E non menos importante, insto os gobernos, as autoridades sanitarias e o público en xeral a non estigmatizar nin discriminar ningunha persoa ou comunidade afectada por mpox", agregou.

As autoridades de Suecia confirmaron esta quinta feira o primeiro caso de mpox dunha nova cepa máis grave despois de que a OMS decretase a emerxencia sanitaria internacional. O número de casos no que vai de ano superou o total do ano pasado, con máis de 14.000 diagnósticos e 524 mortes. E só no último mes notificáronse uns 90 casos da nova cepa en catro países veciños da República Democrática do Congo que non rexistraran mpox anteriormente: Burundi, Kenya, Ruanda e Uganda.

O Ministerio de Sanidade chama á calma

Desde o Ministerio de Sanidade español lembraron esta sexta feira nun comunicado que os casos detectados de mpox ao longo do presente ano no conxunto do Estado "non se comportaron de maneira diferente, con outros síntomas ou distinta gravidade", aos que se veñen rexistrando desde 2022. Tamén precisaron que o feito de que se detectase en Suecia un caso da nova variante de mpox "non quere dicir que esa variante non estivese xa previamente".

Representantes do Goberno español participarán a vindeira segunda feira nunha reunión convocada pola Unión Europea para avaliar a situación actual, baseándose nos datos dispoñíbeis até o momento. Ao día seguinte, na terza feira, as comunidades autónomas reuniranse no Relatorio de Alertas para valorar as medidas para implementar.

Sanidade lembra que o Estado español conta con experiencia sobre as accións que demostraron ser "efectivas" desde o inicio do gromo en 2022. "A vacinación e a vixilancia son a clave dunha boa estratexia que xa tivo éxito no Estado", subliñaron desde o departamento que dirixe Mónica García. En calquera caso, aclararon que se avaliará calquera información nova para determinar se é necesario "axustar o enfoque" na xestión da varíola do mono.