A oposición venezolana ofrece os seus propios datos de participación e sondaxes prohibidas presaxian resultados dispares
Este domingo, case 21 millóns de venezolanos e venezolanas están convocadas para elixir nas eleccións entre 38 formacións políticas e 10 candidaturas quen ostentará a Presidencia da República de Venezuela durante o período 2025-2031.
As urnas fecharán ás 18 horas de Venezuela, medianoite na Galiza, e agardase que os resultados finais sexan coñecidos apenas un par de horas despois. Con todo, as horas previas están decorrendo cunha suma de declaracións e presaxios de dubidosa credibilidade.
Por unha parte, a oposición está ofrecendo os seus propios datos de participación antes de que haxa un balance oficial. Así o fixo a líder opositora, María Corina Machado, que sen facer parte da estrutura da comisión electoral venezolana, afirmou con rotundidade ante a prensa que 42,1% do censo tiña exercido o voto ás 13 horas (horario venezolano).
“Se isto se mantén así, probabelmente teremos unha cifra de participación histórica, récord, e sen dúbida xa é máis que calquera elección nos últimos 30 anos”, afirmou a opositora, que non se puido presentar a estes comicios xa que está inhabilitada durante 15 anos.
Sondaxes prohibidas
Mais a afirmación dos datos de participación ás 13 horas por parte dunha persoa inhabilitada que representa a oposición non é o único inusual desta xornada electoral. Nas últimas horas, comezaron a difundirse varias sondaxes a pé de urna nas redes sociais, a pesar de ser algo totalmente prohibido pola lei electoral.
Meganalisis revelou que, segundo os seus supostos estudos, ás once da mañá votara 41% do censo e que Edmundo González (principal opoñente do actual presidente) impoñíase por máis de 50 puntos sobre Nicolás Maduro —65,3% fronte a 13,1%—.
Pola súa parte, o consultor Andrés Izarra, que foi parte do Goberno venezolano e que agora está no lado da oposición, difundiu outros supostos números que, aínda que cunha diferenza menos escandalosa, outorgan unha vantaxe de 21 puntos a González —58,7% fronte a 37,2% de Maduro—.
Mais hai (supostas) sondaxes para todos os gustos. Desta maneira, Hinterlaces informou que cara ao mediodía votara 61,5% do censo e que o presidente Nicolás Maduro impoñíase por case 12 puntos sobre o opositor Edmundo González —54,6% fronte a 42,8%—.
Maduro di que aceptará o resultado e pide que o resto tamén o fagan
Os presaxios son totalmente distintos, mais unha cousa é certa, o resultado final coñecerase unha vez estea feito o reconto. Neste sentido, Maduro prometeu que respectará a “palabra santa” da comisión electoral cando anuncie o resultado dos comicios e solicitou aos outros 10 candidatos que fagan o mesmo, que anuncien e prometan que van respectar o resultado que as votacións do pobo venezolano arroxen ao final desta xornada de contenda electoral.