Entrevista

Oriol Mitjà: "A mpox dificilmente se pode comparar co que foi a Covid"

O doutor Oriol Mitjà. (Foto: VilaWeb)
Entrevista ao investigador e médico do Hospital Germans Trias de Badalona (Catalunya) Oriol Mitjà sobre a situación actual da varíola do mono.

Había tempo que non ouviamos falar diso, pero este verán a mpox —enfermidade antes coñecida como varíola do mono— volve ser noticia tras o novo gromo que se decretou en África e que levou a Organización Mundial da Saúde (OMS) a declarar a emerxencia sanitaria internacional. En Europa, o risco de infección é baixo e a Unión Europea non viu a necesidade de estabelecer un control fronteirizo para conter o virus. Os expertos explican que é moi difícil que a enfermidade se converta nunha pandemia como a da Covid e deixan ben claro que non hai motivos para xerar alarma nin para pensar en situacións como a de 2020. Falamos con Oriol Mitjà , investigador e médico do Hospital Germans Trias de Badalona (Catalunya), ​​​​que asegura que os esforzos deben centrarse no sistema de vixilancia, entre outras cuestións.

—Que é exactamente a varíola do mono e en que momento estamos agora?
A varíola do mono é unha zoonose viral, un virus que adoita saltar dos animais aos humanos. Estaba a suceder en África, pero provocou gromos limitados a vinte ou corenta persoas e a súa transmisión extinguiuse. O virus adaptouse e en 2022 provocou un gromo mundial, con máis de 90.000 afectados. A transmisión foi maioritariamente sexual e a enfermidade, leve ou moderada, na súa maioría con lesións como bochas na boca, xenitais e zona anal. Coa vacinación e outras medidas controlouse ese gromo e agora a situación é outra: hai outra variante do virus que corresponde ao centro-leste de África, sobre todo na República Democrática do Congo, que se foi estendendo.

—Como se estendeu?
Fundamentalmente a través do contacto directo, que xa non é só sexual; é dicir, pode contaxiarse tocando as costras doutra persoa e despois tocar as mucosas faciais, como os beizos ou os ollos. Este gromo na República Democrática do Congo afectou 30.000 persoas nos últimos dous anos. O 75% eran nenos menores de quince anos e houbo arredor de 1.200 mortes, na súa maioría crianzas que tiñan outros factores predispoñentes, como a desnutrición. A transmisión permanecera localizada, pero a principios de ano o virus da mpox clado 1, a nova variante, comezou a producir unha nova transmisión, tamén sexual, entre traballadoras do sexo nunha cidade mineira moi próxima á fronteira oriental con Burundi, Uganda e Tanzania. Algunhas delas traspasaron fronteiras e, polo tanto, detectáronse casos noutros países africanos.

—A nova variante é un pouco máis mortal, cunha taxa de mortalidade que rolda o 3%, pero as autoridades apuntan que non hai motivos para alarmarse polo momento en Europa.
A variante anterior, o clado 2, tiña unha mortalidade de 0,1%. Dos 90.000 casos do gromo anterior houbo algo máis de 140 mortes en todo o mundo. Por outra parte, no clado 1, de 30.000 casos, xa morreron unhas 1.200 persoas. Ten unha maior mortalidade porque, ademais de afectar a pel, algúns nenos tamén padecen unha propagación do virus aos pulmóns, ao sistema gastrointestinal e ás veces mesmo ao cerebro.

—As autoridades e persoas expertas piden non alarmarse: a Unión Europea non pediu controis fronteirizos e repítese que hai moi poucas posibilidades de que acabe en pandemia.
Si, e é correcto. Hai que rematar de determinar cal é o modo de transmisión e cales son as poboacións de máis risco. Pero polo de agora o maior risco segue a estar nas poboacións remotas e pobres da República Democrática do Congo. Mentres este foco estea activo, sempre existirá o perigo de que un dos casos poida chegar aquí e atopar a cadea de transmisión adecuada para estenderse.

—E se se espalla?
No peor dos casos, se acabase estendéndose, sería unha propagación moito máis lenta que a da Covid, que ten transmisión respiratoria e cun só espirro podes espallalo a moita xente. Aquí, en concreto, tes que tocar esa persoa por contacto directo ou manter relacións sexuais con ela. O contaxio é 'un a un' e tes moito tempo para pór barreiras para deter a propagación. Identificas o caso e podes illalo, poñelo en corentena ou ofrecer a vacinación, se ves que hai unha comunidade máis afectada. En 2022 existían certas comunidades de persoas cun alto número de contactos sexuais, vacinaronse e detívose a transmisión.

—Os casos que se rexistraron en Catalunya, ademais, son da variante antiga.
Isto é moi importante. O sistema de vixilancia debe ser o suficientemente forte para que os médicos estean alerta para identificar casos. O clado 1 debería ser moito máis obvio de detectar porque os pacientes teñen lesións máis e máis estendidas. Por outra parte, no clado 2, o gromo antigo, estas lesións están ocultas, dentro da vaxina ou do ano. É necesario pór en práctica as técnicas para diferencialos. Hoxe as PCR non son específicas, só che indican se tes o virus, pero estamos interesados ​​en saber se é o clado 1, porque sería un sinal de alerta de que se aveciña un gromo máis grave. Polo tanto, cómpre crear un novo tipo de PCR que sexa capaz de diferencialos. Hai uns médicos partidarios de analizalo en todos os casos e outros só cando veñen da República Democrática do Congo. Dependerá algo da dispoñibilidade; até o de agora, só se analizou nos casos nos que se sospeitaba que o clado 2 tornou en endémico. Seguiron habendo casos no noso país e continuarán de forma esporádica, sen gran gravidade.

—E que se debe facer coa vacinación?
A indicación que se fixo en 2022 foi para poboacións cun elevado número de contactos sexuais, especialmente homes que mantiveron relacións sexuais con homes e traballadoras do sexo, e, por outra parte, profesionais sanitarios expostos. Daquela a cobertura non era de 100% e, ademais, das persoas que estaban vacinadas, moitas recibían só unha dose, o que confire unha eficacia de entre 50% e 60%; dúas doses, 80%. Tentouse, en primeiro lugar, aumentar a cobertura de vacinación das persoas con maior risco. En segundo lugar, que os que só recibiron unha reciban a segunda vacina. En terceiro lugar, comprobar que o persoal sanitario actualizou as vacinas. E cuarto, que as leven os viaxeiros que acudan a zonas de alto risco.

—Entendo que cos datos actuais non son necesarias máis medidas polo momento.
Exactamente. É importante protexer aos que marchan, pero hai poucas persoas que se poñan en risco. Debe ser unha persoa que vaia traballar ao rural ou a facer axuda humanitaria. A entrada máis probábel será a través dun adulto, e normalmente os adultos transmítena por transmisión sexual. Sería estraño que a entrada no noso país fose para un neno, pois teñen menos mobilidade internacional.

—Por que estes casos recentes na República Democrática do Congo afectaron tantos nenos?
Teñen moitas máis infeccións cando o contacto é directo: sarna, piollos, o propio mpox... Nestes países os nenos adoitan durmir xuntos, xogan xuntos... Teñen moito contacto directo. Os adultos adoitan estar máis distantes e levar máis roupa. Este é un factor predispoñente para que o efecto sexa maior. E despois está a gravidade. Cando as persoas están inmunocomprometidas, as súas defensas son baixas e son máis propensos a desenvolver unha enfermidade grave. A inmunosupresión dos nenos en África prodúcese principalmente cando proveñen doutra enfermidade, o que fai que as defensas sexan máis baixas.

—Que prevención debemos facer colectivamente? Como podemos detectar os síntomas?
Son signos que se asemellan aos da varicela, nos que comezan a aparecer manchas que logo se transforman en burbullas e acaban sendo costras. Na varicela podes atopar todas as lesións en diferentes estadios: tes burbullas que rebentaron, outras que son costras e outras xa cicatrizadas. Non obstante, neste virus, todas van xuntas. Dado que a xente agora está vacinada contra a varicela, se alguén mostra signos similares debe sospeitar. Adoita ir acompañada de febre, inflamación das glándulas, dor muscular, dor de cabeza, fatiga... pero estes outros síntomas son inespecíficos, pódense confundir con gripe ou Covid.

—Como evoluciona a enfermidade desde a transmisión até os primeiros síntomas?
Alguén está exposto ao infectado e, ao cabo de aproximadamente sete días, aparecen a febre e o cansazo. Despois de dous ou tres días aparecen lesións parecidas á varicela que afectan cara, cabeza, pescozo, brazos, pernas e, en menor medida, o tronco e as costas. Acaban progresando a unha costra, que finalmente seca e cae.

—Como ve a situación da vacinación en África? É unha situación comparábel á da Covid, no que se refire á falta de vacinas?
A África, hoxe, aínda non chegou ningunha vacina. Estou en contacto co fabricante, Bavarian Nordic, e en xuño conseguiron a autorización da República Democrática do Congo para permitir a distribución da vacina. Agora fixeron unha primeira solicitude de 200.000 vacinas, que se espera que cheguen en outubro. E despois está a estimación de 10 millóns de vacinas que serían necesarias para cubrir as persoas en risco. E aquí entran os mecanismos que piden aos países ricos que doen parte das súas vacinas. Pero hai unha dificultade: cando a OMS activa esta medida: os países ricos poden facer unha acumulación infinita de vacinas. Haberá países que quererán ter moito stock no caso de que houbese un gromo no futuro, e isto faría que non doen. É difícil de resolver porque a mesma medida fomenta e desanima a doazón.

—A situación da varíola do mono non ten nada a ver coa que vivimos coa Covid, pero pode trasladarse algunha das leccións aprendidas dela?
Os sistemas, as administracións e os académicos están máis preparados e aprendíronse algunhas leccións. Comezando pola comunicación, que é máis pausada, cunha avaliación de riscos máis preventiva: sinalando as incertezas e agardando a tomar as decisións oportunas. Neste caso, xa que houbo un gromo anterior en 2022, xa temos preparadas as ferramentas de diagnose e a vacinación, e é un paso de xigante. Cando chegou a Covid non tiñamos estas ferramentas, agora estamos nunha posición moi privilexiada. O modo de transmisión da mpox é máis lento e a preparación que temos de ferramentas de diagnóstico e prevención como a vacina é maior. Polo tanto, todo é moito máis favorábel e dificilmente se pode comparar co que foi a Covid.