Palestina convertese no lugar máis perigoso do mundo

Crianza palestina ferida nun ataque israelí a Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)
87% da poboación da Faixa de Gaza, Xerusalén Leste e Cisxordania estivo exposta a violencia extrema no último ano.

Palestina converteuse no lugar máis perigoso do mundo despois de que 87% da poboación da Faixa de Gaza, Xerusalén Leste e Cisxordania estivese exposta a violencia extrema no último ano, segundo o Índice de Conflito elaborado por Acled, un proxecto que se dedica a facer seguimento da violencia de carácter político no mundo.

Desde xullo de 2023 até xuño de 2024 foron asasinados 39.800 palestinos, dos cales 35.200 eran civís. Ademais, durante este período rexistráronse 16.930 eventos de conflito en Palestina, con case 3,5 millóns de persoas vivindo a un quilómetro da violencia.

"As mortes palestinas son a principal razón pola que as mortes en conflitos políticos aumentaron a máis de 200.000 este ano (até o 30 de xuño), un sorprendente aumento dun terzo con respecto ás case 150.000 mortes en todo o mundo no período anterior", explicou o presidente e directo executivo de Acled, Clionadh Raleigh.

Para elaborar o seu índice, o proxecto ten en conta catro factores: letalidade, perigo (entendido como risco para a poboación civil), difusión (proporción de territorio afectada) e fragmentación (o número de actores armados que xogan un papel no conflito).

Conforme a estes parámetros elabora unha clasificación cos Estados máis afectados polos conflitos. Palestina ocupa a primeira posición en tres dos catro indicadores (letalidade, perigo e difusión), mentres que Birmania lidera o indicador de fragmentación debido aos máis de 1.500 grupos armados presentes no seu territorio.

O informe revelou que os conflitos globais aumentaron de forma constante desde 2020, cun crecemento de 15% con respecto á cifra do período xuño de 2020 a xullo de 2021. "As guerras en Gaza, Ucraína e Birmania son responsábeis de gran parte do aumento, así como os conflitos continuos en Sudán, México, Iemén e o Sahel", sinalou Raleigh.

Unha de cada sete persoas en todo mundo estivo exposta a un conflito entre xullo de 2023 e xuño de 2024, segundo as estimacións de Acled, que afirma que existe "algún grado de violencia política en case todos os países e territorios do mundo".