Estados Unidos

As protestas contra o xenocidio en Gaza rompen a unidade do Partido Demócrata, que conclúe a proclamación de Harris

A candidata do Partido Demócrata á Presidencia dos Estados Unidos, Kamala Harris, esta quinta feira, en Chicago. (Foto: Europa Press)
A Convención Nacional Demócrata nos Estados Unidos puxo punto e final na madrugada desta quinta á sexta feira —hora galega— á súa última xornada, superando segundo os últimos datos nos índices de audiencia o evento organizado polos republicanos. Porén, as protestas na rúa para rexeitar o apoio de Harris ao xenocidio israelí en Gaza impediron a imaxe de unidade que a formación, que chegou a vetar unha intervención contra o masacre, buscaba transmitir. Kamala Harris xa é oficialmente a candidata demócrata á Presidencia.

Na madrugada da sexta feira rematou en Chicago a Convención Nacional Demócrata. Nos Estados Unidos, estes eventos, que organizan as dúas formacións dominantes da política estadounidense, o Partido Demócrata e o Partido Republicano, e que orixinalmente estaban centrados na elección da candidatura á Presidencia, son na actualidade un espectáculo pensado para a televisión co fin de transmitir unidade e aproveitar o pico de atención mediática que xera de cara ao resto da campaña.

Nesta ocasión, sumáronse máis de 200 creadoras e creadores de contido cos que os demócratas buscaban mobilizar as e os votantes máis novos ao apoio tradicional de boa parte da comunidade cinematográfica de Hollywood, nos Ánxeles.

O certo é que, neste sentido, os datos confirmados até o de agora desvelan que a convención deseñada polos demócratas está a ser máis efectiva que a dos republicanos, que tratan na actualidade de reestruturar a súa estratexia logo da renuncia do presidente estadounidense, Joe Biden, á candidatura, que transferiu á súa vicepresidenta, Kamala Harris, cuxa campaña deu a volta aos ataques a Biden pola súa idade, 81 anos, e trata agora de sementar dúbidas sobre a capacidade de gobernar de Donald Trump polos seus 78 anos.

Na primeira noite da convención demócrata, a segunda feira, 20 millóns de persoas de media seguiron o evento, e 20,8 millóns na segunda xornada, na que interveu o ex presidente Barack Obama. Isto supón case dous e seis millóns de persoas máis respectivamente que a audiencia dos dous primeiros días da convención republicana a mediados de xullo. Non obstante, as cifras dos republicanos eleváronse nas últimas noites a 18 e 25,4 millóns de persoas, esta última na xornada de clausura, protagonizada polo discurso de Donald Trump, ex presidente e candidato da formación.

O candidato demócrata á Vicepresidencia, Tim Walz, na madrugada da quinta feira. (Foto: Annabelle Gordon / Zuma Press)

Harris emitiu a súa disertación para aceptar formalmente a designación, o punto álxido da convención, despois dunha votación cerimonial en Chicago após ser formalizado a comezos de mes o seu nomeamento nun proceso virtual entre as delegadas e delegados demócratas. "En nome do pobo, en nome de todos os estadounidenses, independentemente da súa raza, xénero ou do idioma que fale a súa avoa, e de todos os que algunha vez emprenderon o seu propio e incerta viaxe, en nome dos estadounidenses como a xente coa que crecín, que traballa duro, persegue os seus soños e cóidase mutuamente, en nome de todos aqueles cuxa historia só podería escribirse na nación máis grande da Terra, acepto a candidatura á Presidencia de Estados Unidos", dixo.

Harris, que fixo un chamamento á "unidade" para frear a Donald Trump, asegurou que será unha mandataria "que lidere e escoite, que sexa realista, práctica e teña sentido común, e que loite sempre polo pobo estadounidense". "Desde os tribunais até a Casa Branca, ese foi o traballo da miña vida", precisou, engadindo que como fiscal xa se enfrontou "aos grandes bancos" e os "cárteles que trafican e poñen en risco" a seguridade, e "defendeu" veteranos, estudantes e traballadores.

Na noite anterior foi Tim Walz, ao que Harris seleccionou como compañeiro de fórmula e candidato á Vicepresidencia, o que aceptou o reto, reiterando no seu discurso que as políticas de Trump só serven “aos máis ricos e aos de ideoloxía máis extrema”, na liña marcada por Biden, e lembrando o seu paso pola escola pública.

Tamén tivo a súa quenda o ex mandatario Bill Clinton, que destacou a “valentía” de Biden por renunciar á reelección, ou a presentadora de televisión Oprah Winfrey, que fixo fincapé na loita da comunidade afroamericana no país, entre actuacións musicais de Stevie Wonder ou John Legend.

No apartado das propostas políticas, o senador Chris Murphy ou o representante Pete Aguilar salientaron a necesidade de endurecer o sistema de solicitudes de asilo, unha política apoiada por Harris, nunha viraxe cara ás posicións de Trump no ámbito migratorio para tratar de lograr sufraxios arredor dunha cuestión que as enquisas colocan como unha das principais preocupacións da poboación, e a Trump como o máis confiábel para facerlle fronte.

A pesar destas narrativas, “os Estados Unidos precisan inmigrantes para cubrir as carencias do mercado laboral”, subliñou o director do grupo de investigación Global Migration Center, Giovanni Peri, e Kristalina Georgieva, que dirixe o Fondo Monetario Internacional (FMI), sinalou que Washington “está a beneficiarse da abundante man de obra que cruza a fronteira” e que lle outorga unha vantaxe competitiva fronte a Europa.

Unidade rota

O tocante ao apoio estadounidense ao xenocidio que está a perpetrar Israel no territorio palestino de Gaza impediu completar a imaxe de unidade que os demócratas aspiraban a transmitir no evento.

Malia ao optimismo exacerbado trasladado polo Executivo de Biden sobre a posibilidade dun alto o fogo cun intercambio de detidos entre Israel e a Faixa, milleiros de persoas exixiron na rúa presión real ao réxime de apartheid e un embargo de armas durante a convención. 13 manifestantes sufriron arrestos na primeira xornada. Na segunda, 56 persoas -entre elas tres xornalistas- foron detidas nunha protesta fronte ao Consulado de Israel na cidade do Estado de Illinois, que rexistrou enfrontamentos coas forzas de seguridade, a terceira rematou con como mínimo dúas detencións e a quinta se agardaba outra protesta.

En paralelo, a dirección demócrata vetou a intervención no escenario dunha persoa palestino-estadounidense que abordase o xenocidio, impulsada polo Movemento Nacional Non Comprometido, que conseguiu nas primarias 36 delegadas e delegados e rexeita apoiar Harris até que mude a súa política pro sionista. En cambio, un dos discursos máis ovacionados da terceira xornada foi o do pai e a nai dun israelí-estadounidense detido en Gaza desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro.

Amais, a recuperación por parte de Harris da vantaxe nas enquisas xerais que posuía Trump contra Biden tamén se replica nos Estados chave, os que na práctica decidirán quen ocupará no vindeiro mandato a Casa Branca.

O particular sistema de votación indirecta á Presidencia estadounidense determina que “Harris ten que gañar como mínimo por dous puntos a nivel nacional para ser un pouco favorita” nas votacións de novembro, explica o politólogo residente nos Estados Unidos Roger Senserrich, e “é moi posíbel que precise gañar por tres para estar segura da súa vitoria”, algo que só asegurarían definitivamente catro ou cinco puntos de vantaxe. Precisamente dous puntos é segundo a media das sondaxes feita polo xornal The New York Times (49% a 47%) a distancia da que goza Harris.

Kennedy, perto de abandonar

Medios estadounidenses aseguran que Robert F. Kennedy Jr, que saíu o pasado ano do Partido Demócrata para presentarse como independente nas presidenciais, prevé anunciar a sexta feira a fin da súa campaña electoral a favor de Donald Trump.

Antes, a súa candidata á Vicepresidencia, Nicole Shanahan, afirmara que valoraban esta posibilidade posto que en caso contrario se “arriscarían” a unha vitoria de Harris. Segundo as enquisas deste mes, a súa intención de voto oscilaría entre 2% e 7%, unha porcentaxe que podería decidir quen se fai coa Presidencia do país.