PSOE e PP culminan o pacto para a remuda do Poder Xudicial no Congreso cuestionado polas forzas soberanistas

Pleno do Congreso español, a terza feira. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
A Cámara Baixa avala as reformas na Xustiza exixidas polos conservadores.

Na última xornada no Congreso español antes da fin das sesións até setembro, PSOE e PP prevían a terza feira aproveitar a súa maioría para superar os tres quintos da Cámara Baixa e aprobar o nomeamento de dez vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). A cuarta será o Senado o que todo indica que aprobará da mesma maneira a designación dos dez restantes, acabando cos máis de cinco anos e medio de mandato caducado do órgano por mor do bloqueo do PP, que garantía así a permanencia dunha maioría conservadora.

A remuda, desencadeada polo acordo entre PP e PSOE a finais de xuño coa mediación da Unión Europea (UE), prodúcese no marco dun pacto que tamén inclúe a aprobación dunha reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e do Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal que exixe unha maioría reforzada para os nomeamentos de altos cargos do sector xudicial, insta o novo CXPX a deseñar unha proposta para mudar o sistema de eleccións de vogais e regula as 'portas xiratorias' na Xustiza.

Estas reformas foron avaladas polo Congreso co voto de PSOE e PP, apoio ao que finalmente non se engadiu Sumar, que se abstivo tras reivindicar o seu papel no pacto, insistindo en que propuxo dous nomes da decena de vogais escollidos polo PSOE.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) non participou nas votacións sobre este asunto como anunciara con anterioridade o seu deputado, Néstor Rego, que detallou a Nós Diario que “lexitima os sectores mais reaccionarios do Poder Xudicial e o lawfare” que “levamos décadas padecendo especialmente forzas soberanistas”, ademais de ser contraditorio co anuncio de medidas de rexeneración democrática por parte do PSOE. O mesmo fixo EH Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC). Á vez, o Partido Nacionalista Vasco (PNV) abstívose no punto das reformas e non votou as e os novos vogais do Poder Xudicial pactados entre PP e PSOE. O reconto desta votación continuaba á hora do feche desta edición.

Francisco Aranda, do PSOE, centrou a súa intervención no debate da reforma en laiarse do “tempo perdido” e da “perda de lexitimidade e degradación” do CXPX polo bloqueo do PP durante máis dun lustro á renovación.

Nese sentido, a secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, destacou que “é o primeiro paso para rematar con 40 anos de inxerencias no Poder Xudicial”, arremetendo contra o presidente Pedro Sánchez (PSOE), ao que definiu como un “depredador do Estado de dereito”. O representante neste ámbito de Sumar, Gerardo Pisarello, insistiu en que tería preferido construír alianzas co grupo de forzas que permitiron a investidura de Sánchez.

En paralelo, Mikel Legarda, do PNV, fixo énfase en que non foron consultados e que se trata do “repartimento de persoas ideolóxicas afíns”, Josep Maria Cervera, de Junts, salientou que o pacto é unha tentativa de “branquear o sistema xudicial” e Pilar Vallugera (ERC) sostivo que o PSOE perdeu a oportunidade dun cambio “real” no Poder Xudicial.

Menores migrantes

Un dos puntos clave da xornada foi a toma en consideración da reforma da Lei de estranxeiría, que busca estabelecer un sistema obrigatorio para repartir ao longo do Estado menores migrantes non acompañados que se concentran en Canarias, Ceuta e Melilla, principais áreas de acceso.

Na votación, PP, Vox e Junts mantiveron o rexeitamento ao texto que comunicaran previamente, polo que foi desbotado a pesar de recibir o apoio do resto de formacións, con unha abstención. Sexa como for, o voceiro parlamentario de Sumar, Íñigo Errejón, afirmara que se a proposta non recibía a luz verde da Cámara Baixa sería aprobada por decreto por parte do Goberno de coalición, que comparten co PSOE, responsabilizando o PP polos seus “bandazos permanentes” neste tema.

Recorrida a declaración de Sánchez como testemuña

No tocante á causa contra Begoña Goméz, parella do presidente español Pedro Sánchez, impulsada polo xuíz Juan Carlos Peinado após unha denuncia de Manos Limpias, unha entidade de extrema dereita, por suposto tráfico de influencias, tanto a Fiscalía como a defensa de Goméz recorreron a decisión de Peinado de citar o mandatario para declarar como testemuña o 30 de xullo na Moncloa.