Puigdemont explica por que beixou a bandeira española: "Non temos ningún problema con España"

Está tranquilamente tomando algo nunha terraza en Copenhague. Un tipo asáltao e conmínao a beixar a bandeira española. Puigdemont reaxe sen perder as formas.

-Puigdemont, aquí teño a bandeira de España, que sei que che gusta -dille o tipo en perfeito castelán.

 

-Claro, claro que me gusta.

 

-Pois dálle un biquiño.

 

-Non teño ningún problema.

 

Puigdemont vai e, sen o pensar dúas veces, beixa a bandeira.

 

E a independencia non é un problema?, pergúntalle. A independencia non debe constituír ningún problema, ao ser produto da vontade colectiva do pobo catalá, vén responder o candidato á reelección. "Votamos en masa", afirmou Puigdemont, con bon talante. Todo o contrario que o tipo que irrompeu na terraza, quen, ao liscar dalí, non perdeu a oportunidade para lle profetizar un futuro carcelario: "Cando chegues a España, espérate a cadea".

 

Puigdemont empregou a súa conta de twitter para explicar por que beixou a enseña española: "Algún día entenderán que non temos ningún problema nin con España nin coa súa bandeira".