Puigdemont retira a convocatoria de eleccións ao non ter garantías de non aplicación do 155

Puig

Nunha comparecencia longamente agardada no Palau da Generalitat, Puigdemont anuncia que cabe agora ao Parlament decidir "a resposta á aplicación do 155". O president afirma que esgotou até o final as vías do diálogo nun conflito que é "político e democrático".

"O compromiso coa paz e co civismo tense que manter nas próximas horas. Só desta maneira poderemos acabar gañando", dixo con solemnidade na coda do seu solemne discurso, un novo apelo desde o soberanismo a que o proceso de autodeterminación se conduza por vías exclusivamente pacifistas, fronte á escalada represiva do Estado.

 

Ao se coñecer o contido do seu discurso, os miles de estudantes que enchían a Praça de San Jaume comezaron a corear o cántico "In-De-Pen-Den-Cia", a palabra de orde que ten guiado ao longo destes anos o procés de autodeterminación.

 

Na súa comparecencia, Puigdemont explicou que considerou seriamente a convocatoria de eleccións porque é "o meu deber e a miña responsabilidade esgotar todas as vías para achar unha saída dialogada e pactada" a un conflito que, dixo, é "de natureza política e democrática".

 

Segundo NacióDigital, Puigdemont resgatará da gaveta a declaración de independencia que se podería votar na quenda de propostas de resolución do pleno do Parlament a sexta feira

 

"Ninguén poderá dicer que non o tentásemos", dixo. Con efeito, o president tentouno até o final. Ofereceu a Madrid unha cesión considerábel -a convocatoria de eleccións sen previa declaración de DUI, o que de facto esgazaba o bloco soberanista- a pedir en troca a suspensión do 155. Mais non obtivo ningunha garantía de que así fose ser. "Non hai ningunha garantía que xustifique a convocatoria de eleccións ao Parlament", alegou.

 

Para o president, o PP "engadiu tensión nun momento en que cómpre distensión e diálogo". "A aplicación do 155 está fóra da lei e é inxusta e abusiva", dixo Puigdemont, para quen o que move o Estado neste momento -até o ponto de non recoller a luva das eleccións antecipadas sen DUI- é unha "intención vingativa" pola derrota que sofreron o 1-O, cando, embora a violencia policial, 2,2 millóns de persoas votaron na consulta autodeterminista.

 

Unha partida en dúas pantallas

 

A partida deste 26-O librouse en dous campos de xogo. Nun contendían o Govern co Estado. Noutro Puigdemont e a maioría do PDeCAT cos outros actores do soberanismo, quer os políticos -ERC e CUP- quer os colectivos soberanistas. Nun carrusel de emocións Puigdemont foi tildado de traidor en faixas na rúa e en chíos nas redes sociais no momento en que parecía inminente a súa comparencia para anunciar as eleccións anticipadas. As presións sobre o president foron moi intensas. Desde deputados do PDeCAT que anunciaban a súa saída do partido -Jordi Cuminal e Albert Batalla- até unha ERC que amagaba con abandonar o Govern se finalmente Puigdemont consumaba a convocatoria de novos comicios.

 

Ao dar marcha atrás, e ao entregar a palabra a un Parlament con maioría independentista, Puigdemont rehabilita a súa figura e volta a se colocar ao fronte do procés. 

 

E agora? Segundo NacióDigital, Puigdemont resgatará da gaveta a declaración de independencia que se podería votar na quenda de propostas de resolución do pleno do Parlament a sexta feira.