Claves no procés no Sermos269

Unha República Catalá autosuficiente

As cifras son alicerces fundamentais no argumento sobre o que erixe o procés soberanista en Catalunya. Tamén o son dos unionistas que, alentados por grandes medios de comunicación, difunden estudos que contradín os cálculos oficiais sen rigor. Debullamos como afectaría ao Estado español a independencia de Catalunya, sobre a base de que, ao igual que acontece con Galiza, achega máis ás arcas españolas do que recibe. Escribimos sobre isto no Sermos Galiza 269. Eis un extracto.

“Catalunya perde 6.700 millóns de PIB pola fuga de empresas”, “O procés fíxolle perder a Catalunya o 4% do PIB”, “O índice de risco da economía autonómica marcou o máximo histórico desde 2014”... os medios de comunicación apegados ao unionismo afánanse en publicar pezas coas que sustentar que a economía de Catalunya camiña cara á deriva. Tanto ten que se aluda a magnitudes macroeconómicas como o Produto Interior Bruto, que expresa o valor moetario da produción de bens e servizos de demanda final dun país durante un ano –e non durante 15 días a raíz do traslado de sedes sociais de empresas alén de Catalunya–.

 

É obvio que o prexuízo económico da creación da República Catalá para Madrid sería de grandes dimensións, sobre todo tendo en conta que en 2016 –cando a folla de rota xa encetara, mesmo coa convocatoria do proceso participativo sobre o futuro político, do 9N– Catalunya rexistrou un PIB récord, con 223.629 millóns de euros –no sector industrial, é o territorio que máis PIB xera no Estado, pois supón o 18,9%, por diante de Madrid, aínda que só sexa por décimas–.  Se atendemos a este dado, e segundo o profesor da Escuela de Negocios IEBS e editor de El blog salmón, Raúl Jaime Maestre, a independencia custaríalle ao conxunto do Estado o 19% do PIB e o 18,4% do seu tecido empresarial. Este especialista, que asegura que ficaría un Estado español “máis pobre”, asegura que o PIB per cápita caería até os 23.250 euros.

 

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 269, á venda na loxa e nos quiosques habituais]