A República Democrática do Congo recibe vacinas de mpox tres semanas máis tarde

As autoridades sanitarias lembran aos grupos de risco a necesidade de vacinarse fronte á mpox. (Foto: Sven Hoppe / DPA vía Europa Press)
Máis de 22.000 casos en África ao longo deste exercicio.

Tres semanas despois de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) decretara unha emerxencia sanitaria internacional polo gromo de mpox -anteriormente coñecida como varíola do macaco- en África, que se concentra na República Democrática do Congo, finalmente a quinta feira chegaron ao país as primeiras doses da vacina contra a doenza, amplamente dispoñíbeis nos Estados occidentais, confirmaron as autoridades locais.

A primeira partida, de arredor de 100.000 doses, foi doada pola Unión Europea (UE), e se prevé a chegada mañá dun volume semellante tamén procedente do bloque comunitario.

Canda os Estados Unidos e outros países da súa contorna, os compromisos ascenden a 380.000 doses, constatou o Centro Africano para o Control e a Prevención de Doenzas.

Menos de 15% das vacinas necesarias

Con todo, esta cantidade supón menos de 15% das tres millóns de doses que a entidade estimou son precisas para acabar co surto no país centroafricano. As doses prometidas son “bastante poucas en comparación coa necesidade que vemos sobre o terreo”, subliñou Mercy Muthee Laker, que representa o país no Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella.

Asemade, Pamela Rendi-Wagner, que encabeza o Centro Europeo de Prevención e Control de Doenzas, insistiu en que o risco para a cidadanía da UE é baixo.

A nivel africano os casos superan os 22.000 no que vai de ano, un período no que faleceron por esta causa máis de 620 persoas, cun ritmo de infeccións que se elevou 200%. No epicentro do gromo a meirande parte das persoas infectadas non alcanzan os 15 anos.