Rusia contraataca no inicio da segunda semana de incursión ucraína en Kursk, o ataque máis importante contra o país en oito décadas

Edificio danado en Khárkiv a finais de xullo nun ataque do que Ucraína acusa Rusia. (Foto: Viacheslav Madiievskyi / Europa Press)
Kíiv asegura que controla 1.000 km2 nun ataque que non afectou á fronte principal da guerra.

No oitavo día da incursión ucraína na rexión rusa de Kursk, que constitúe o ataque terrestre a Rusia dun Exército estranxeiro máis importante desde que a Unión Soviética derrotou Alemaña na Segunda Guerra Mundial, o maior xeneral Apti Alaudinov, da unidade de forzas especiais Akhmat da Garda Nacional rusa, detallou a terza feira á axencia Reuters que “a marcha incontrolada do inimigo foi detida” e “xa é consciente de que a guerra lóstrego que programaran non funcionou”. Ao tempo, o Ministerio de Defensa ruso publicou imaxes que atribuíu a ataques de cazas Su-34 contra tropas ucraínas en Kursk, e Alaudinov sostivo que lanzaron unha ofensiva con ataques aéreos, mísiles e drones.

O maior xeneral ruso incidiu amais á canle Rusia-1 en que “a maior parte do territorio no que se atopaba o inimigo xa está completamente bloqueado” e “estase a limpar os asentamentos” baixo control ucraíno, que o gobernador en funcións de Kursk, Alexei Smirnov, cifrara en 28 un día antes.

Ademais, Alaudinov acusou directamente “os xenerais estadounidenses” de dirixir a incursión, da que formaron parte “un gran número de mercenarios estranxeiros”, algo que afirmara con anterioridade o portal pro ruso de información militar South Front, especificando que entre eles había mercenarios de Polonia ou Francia.

Con todo, os avances ucraínos na cidade de Sudzha levaron a que non fique claro quen controla a urbe, localizada a 10 km dos lindes con Ucraína. A axencia AP apunta que, entrementres grupos móbiles de militares ucraínos se desprazan pola rexión sen intención de consolidar o control, parte das tropas estarían a cavar no oeste de Sudzha para desenvolver fortificacións defensivas, o que suxeriría que buscan manter o dominio sobre a área.

Estación de gas clave

Precisamente, na zona occidental da cidade sitúase unha estación de tránsito de gas natural cuxo traballo non se viu interrompido, como confirmou a terza feira a empresa pública rusa Gazprom, ao anunciar que se enviarían 42,4 millóns de metros cúbicos de gas natural por unha ruta que abastece Austria, Eslovaquia ou Hungría.

O acordo de tránsito por Ucraína expira a finais de ano e Kíiv ratificou con anterioridade que non aceptará a súa renovación. Alexei Goncharuk, primeiro ministro ucraíno en 2019, cando se rubricou a última extensión xa con Volodimir Zelenski na Presidencia de Ucraína, estimara que os ingresos para Kíiv ascendían a entre 1.800 e 2.750 millóns de euros anuais.

A suspensión das actividades na estación de Sudzha suporía na práctica a fin da inmensa maioría das entregas de gas natural ruso por gasoduto ao resto de Europa, comercio fortemente afectado polo atentado en setembro de 2022 contra o gasoduto Nord Stream, que une Rusia con Alemaña.

Moscova acusou os Estados Unidos e o Reino Unido de estar detrás do ataque e as investigacións de Dinamarca e Suecia foron fechadas sen facer públicos os achados ao respecto, algo que se disporía a facer tamén Alemaña. Os tres Estados son membros da alianza militar controlada polos Estados Unidos, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

O director de ciencias militares do Instituto Real de Servizos Unidos británico, Matthew Savill, indicou que hai probas de que até 10.000 soldados ucraínos están implicados na incursión, na que están a utilizar equipamento militar enviado polos países occidentais. Só en armas e material bélico, os Estados membros da OTAN ou da súa contorna comprometeron arredor de 140.000 millóns de euros con Ucraína.

Savill estimou en 400 km cadrados a área baixo control ucraíno, moi por baixo dos 1.000 km2 que asegura controlar Kíiv. Pola súa parte, Moscova informou de que Ucraína penetrou 12 km en territorio ruso nunha fronte de 40 km, achegándose ás estimacións de Savill. Asemade, o pro occidental Instituto para o Estudo da Guerra sostivo que as forzas ucraínas chegaron a até 24 km da fronteira, admitindo que o ritmo de avance minorou nas últimas xornadas.

Logo de ordenar a evacuación de 180.000 persoas en Kursk, a terza anunciouse a evacuación doutro distrito, o de Bolshesoldatski, que linda con Sudzha, no que residen 10.000 persoas, e que se suma á orde emitida a 11.500 persoas nun distrito da rexión de Belgorod, fronteiriza coa de Kursk e Ucraína, no que hai reportes de que as Forzas Armadas de Rusia frearon unha tentativa de incursión. Tamén se informou da morte de 12 civís.

O ataque ucraíno produciuse no contexto dos avances constantes de Rusia no campo de batalla desde o fracaso da contraofensiva que lanzou hai máis de un ano. Malia que medios internacionais sinalaron nos últimos meses que unha incursión destas características formaba parte dos plans ucraínos, non se levara a cabo pola negativa da OTAN a permitir o uso das súas armas en territorio ruso. Porén, esta directriz foi suavizada logo de que Ucraína deixara entrever que estaba disposta a pór fin á guerra na mesa de negociación, unha posibilidade que a OTAN freara nos primeiros compases da invasión rusa.

Un ataque "imposíbel de soster" no tempo

Un alto funcionario de seguridade ucraíno transmitiu á axencia EFE que o ataque aspira a “estirar as posicións do inimigo”, causarlle “o máximo de perdas” e “desestabilizar” a situación interna rusa, abrindo a porta a que se logran manter o terreo gañado poida ser utilizado nas conversas de paz.

Porén, “é unha incursión imposíbel de soster”, recoñeceu David Betz, docente do Kings College de Londres, subliñando que non inflúe no decorrer xeral do conflito. Nesta liña, o Ministerio de Exteriores ucraíno reiterou que non buscan “apoderarse” do territorio. No tocante á redistribución dos militares rusos para defender Kursk, o funcionario admitiu que a ofensiva rusa na guerra en Ucraína non se debilitou.

Á vez, Gustav Gressel, experto do Consello Europeo de Relacións Exteriores, fixo énfase ao semanario Der Spiegel en que “a manobra de Kursk podería presaxiar a fin militar de Ucraína”, que “arrisca a perder por completo o apoio de Occidente”, e afirmou que a extensión da liña da fronte beneficia as tropas rusas. Precisamente, a falta de soldados é un dos principais problemas declarados polo Exército ucraíno, cuxas subministracións por parte da OTAN están intimamente ligadas ao resultado das eleccións presidenciais que decorrerán en novembro nos Estados Unidos.