O sospeitoso do intento de asasinato contra Trump quería enviar mercenarios a Ucraína

Donald Trump. (Foto: Europa Press / Contacto / Photo Image Press)
O ex presidente dos EUA está ben tras impedir os seus gardacostas un ataque.

Apenas nove semanas despois de sobrevivir a un atentado no que unha bala lle rozou a orella en Pensilvania, o ex presidente dos Estados Unidos e candidato a un segundo mandato por parte do Partido Republicano, Donald Trump, sufriu o que “semella ser un intento de asasinato”, confirmou na madrugada da segunda feira a Axencia Federal de Investigación (FBI).

Horas antes, cando Trump xogaba ao golf nun campo da súa propiedade en West Palm Beach (Florida), o Trump International Golf Club, Ryan Wesley Routh apuntou cun rifle con mira cara a el a unha distancia de arredor de 365 metros, agochado entre os arbustos que delimitan o perímetro do club. Nese momento, un axente do Servizo Secreto viu sobresaír o canón do valado e disparou entre catro e seis veces.
Routh logrou fuxir deixando atrás a arma, dúas mochilas e unha cámara GoPro, mais foi detido pouco despois pola Policía do condado de Martin nun vehículo rexistrado a nome da filla, comunicou a canle CNN, e sen ofrecer resistencia.

O propio Trump comunicou que “estou a salvo e ben”, sinalando que “houbo disparos na miña veciñanza”, amais de facer énfase en que “a miña determinación é máis forte despois doutro intento de asasinato” e en que “nada me freará. Nunca me renderei”.

O shériff do condado de Palm Beach, Ric Bradshaw, informou de que “a seguridade [no campo de golf] limítase ás áreas que o Servizo Secreto considera posíbeis”, apuntando que se Trump ocupase a Presidencia o campo estaría rodeado de efectivos.

Medios locais debullaron que o campo estaba parcialmente fechado polo ex presidente, así como que o Servizo Secreto adoita asegurar con carros de golf e todoterreos varios buracos por detrás e por diante de Trump. Tamén afirmaron que as persoas que xogan son visíbeis desde o perímetro da propiedade en varios puntos.

Nese sentido, Bradshaw aseverou que “imaxino que a próxima vez que veña ao campo de golf probabelmente haberá un pouco máis de xente arredor do perímetro”, mais subliñando que o “Servizo Secreto fixo exactamente o que debería ter feito”.

O director provisorio do Servizo Secreto, Ronald Rowe, prevía informar persoalmente Trump sobre a investigación. Rowe chegou ao cargo após a dimisión a finais de xullo de Kimberly Cheatle, logo de recoñecer a entidade que o atentado do 13 dese mes contra Trump, no que o atacante morreu e non foi identificado ningún móbil, foi o “fallo operativo máis significativo do Servizo Secreto en décadas”.

Pola súa parte, a Casa Branca transmitiu que o presidente Joe Biden e a vicepresidenta e rival de Trump nas presidenciais de novembro, Kamala Harris, “están aliviados de saber que está a salvo”.

Vínculos con Ucraína

O presunto autor do intento de asasinato naceu en 1966 e ten antecedentes penais por posesión dunha metralladora, posesión de material roubado, unha fuga após un accidente de circulación e por, en 2002, atrincheirarse armado nun comercio de Greensboro, unha cidade de Carolina do Norte. As súas redes sociais amosan como despois de apoiar Trump nos comicios de 2016, nos que se fixo coa vitoria, virou para apoiar os demócratas e incluso votou nas primarias da formación en Carolina do Norte en marzo.

Asemade, contaba cunha páxina web para recadar cartos e recrutar mercenarios para unirse ao Exército ucraíno e loitar contra Rusia. En abril de 2022 foi filmado pola axencia AP en Kíiv nunha manifestación, e en 2023 foi entrevistado polo xornal The New York Times, no que sostivo que intentaba recrutar soldados afgáns que fuxían dos talibán para que loitasen a favor de Ucraína, polo que estivo varios meses no país eslavo, pormenorizando que confiaba en poder mercarlles pasaportes en Paquistán. Á vez, insistiu na súa disposición de participar como mercenario no conflito.

As Forzas Armadas ucraínas negaron por medio de Oleksandr Shahuri, representante do Departamento de Coordinación de Estranxeiros das Forzas Terrestres, que Routh colaborara ou estivera integrado no corpo militar.

Nese sentido, relatou que desde a invasión rusa o sospeitoso se puxo en contacto de forma periódica coa Lexión Internacional ucraína, que agrupa os mercenarios estranxeiros, con “ideas sen sentido” e que poderían ser descritas como “delirantes”.

Sexa como for, o certo é que un dos puntos clave da campaña de Trump é o compromiso de acabar coa guerra de Ucraína, namentres a súa opoñente defende manter a política de Biden, intensificar os envíos de armas a Kíiv e a carreira armamentística desatada, e deixando en segundo termo hipotéticas negociacións de paz con Rusia.

O ex analista da Intelixencia estadounidense exiliado en Rusia, Edward Snowden, citou precisamente a relación con Ucraína de Routh ao resaltar que “é difícil imaxinar que as axencias desta Casa Branca poidan afirmar que non houbo contacto” con el, matizando que “non estou a dicir que este tipo fora un profesional en nómina de alguén”, o que “non significa que o Goberno non contribuíra a alentar a súa militancia pasada, como fixemos unha vez con [Osama] Bin Laden”. “Tíñamos unha palabra para iso na Axencia Central de Intelixencia (CIA): Retroceso”, revelou.

O intento de asasinato volveu sacudir unha campaña electoral atípica, mais a diferenza do acontecido en xullo produciuse cando é Harris quen ten o vento a favor, despois de recuperar a distancia en intención de voto que ostentaba Trump fronte a Biden, póndose por diante en Estados clave, e de imporse a semana pasada no que todo apunta foi o único debate entre ambas as dúas na campaña.

O Servizo Secreto, outra vez baixo a lupa

Desde o Partido Republicano reactiváronse as críticas contra o Servizo Secreto tras a eclosión a raíz do primeiro ataque contra Trump e dos erros do Servizo Secreto. “Segue a haber unha falta de respostas para o horríbel intento de asasinato en Pensilvania e agardamos que haxa unha explicación clara do que aconteceu hoxe en Florida”, destacou Elise Stefanik, que preside a Conferencia Republicana na Cámara Baixa.

Ao tempo, o republicano Ron DeSantis, gobernador de Florida, anunciou que o Estado levará a cabo as súas propias pescudas, insistindo en que “a xente merece a verdade sobre o posíbel asasino e como puido achegarse a menos de 500 iardas” (457 metros).