Trump e May abren conversas para un tratado de libre comercio entre os EUA e o Reino Unido

Theresa May, en Westminster

Para Londres sería a alternativa á saída da UE. Para Trump a demostración de que a súa política non é contraria per se aos tratados de libre comercio. Theresa May será esta sexta feira a primeira líder estranxeira que visita na Casa Branca o novo presidente dos EUA.

Reducir á mínima expresión -ou mesmo a cero- os aranceis en produtos que se vendan mutuamente e garantir unha maior libre circulación da forza de traballo entre os dous países son os obxectivos que terán sobre a mesa esta sexta feira en Washington o xa presidente dos EUA Donald Trump e a premier británica Theresa May.

May vaise converter esta sexta feira na primeira líder estranxeira que rende visita a Trump na Casa Branca.

O obxectivo de Washington -segundo revela The Telegraph- é estar en condicións de que un tratado de libre comercio cos EUA se poña en marcha a seguir a saída definitiva do Reino Unido da UE (axendada para maio de 2019).

A libre circulación de traballadoras e traballadores é un dos pontos forte do acordo. Xa é moi intenso o intercambio de forza de traballo neste momento: 1 millón de estadounidensas e estadounidenses no Reino Unido e a mesma cantidade de británicas e británicos nos EUA.

"Podemos aumentar estes números", afirmou a Telegraph unha fonte de Downing Street.

O que ten na cabeza Washington é estabelecer co Reino Unido un acordo de libre comercio do estilo do que xa ten estabelecido con Canadá.

En declaracións á BBC, Theresa May afirmou que na axenda do encontro estará tamén a loita contra o terrorismo e a guerra en Siria.