Reducir á mínima expresión -ou mesmo a cero- os aranceis en produtos que se vendan mutuamente e garantir unha maior libre circulación da forza de traballo entre os dous países son os obxectivos que terán sobre a mesa esta sexta feira en Washington o xa presidente dos EUA Donald Trump e a premier británica Theresa May.
May vaise converter esta sexta feira na primeira líder estranxeira que rende visita a Trump na Casa Branca.
O obxectivo de Washington -segundo revela The Telegraph- é estar en condicións de que un tratado de libre comercio cos EUA se poña en marcha a seguir a saída definitiva do Reino Unido da UE (axendada para maio de 2019).
A libre circulación de traballadoras e traballadores é un dos pontos forte do acordo. Xa é moi intenso o intercambio de forza de traballo neste momento: 1 millón de estadounidensas e estadounidenses no Reino Unido e a mesma cantidade de británicas e británicos nos EUA.
"Podemos aumentar estes números", afirmou a Telegraph unha fonte de Downing Street.
O que ten na cabeza Washington é estabelecer co Reino Unido un acordo de libre comercio do estilo do que xa ten estabelecido con Canadá.
En declaracións á BBC, Theresa May afirmou que na axenda do encontro estará tamén a loita contra o terrorismo e a guerra en Siria.