A oposición mexicana impugnará finalmente as eleccións por "competencia desigual"

A candidata opositora Xóchitl Gálvez (no centro), este domingo en Cidade de México. (Foto: Gerardo Vieyra / DPA vía Europa Press)
"Presentaremos as impugnacións que proben isto que lles digo e que todos sabemos. Farémolo porque non podemos permitir que teñamos outra elección igual a esta", dixo Xóchitl Gálvez, logo de autoproclamarse primeiro vencedora antes de coñecer os resultados e despois aceptar a derrota "como boa demócrata".

Do "sempre fun unha demócrata convencida" ao "isto non remata aquí" en poucas horas. A candidata opositora Xóchitl Gálvez, derrotada este domingo nas eleccións presidenciais de México cunha diferenza de 30 puntos a respecto da vencedora, Claudia Sheinbaum (Morena), comezou recoñecendo o seu fracaso das urnas cando se coñeceron os primeiros datos do escrutinio. Porén, após fecharen as urnas, antes de que transcendesen os resultados, autoproclamárase gañadora e pedira ao actual Goberno que "respecte o voto dos mexicanos". E rematou esta segunda feira dando unha nova volta ao seu discurso, avanzando que impugnará os resultados.

"Recoñecín onte [polo domingo] a miña derrota porque son unha demócrata e creo nas institucións. Confío no cálculo rápido do INE (Instituto Nacional Electoral), é un exercicio estatístico elaborado polos mellor científicos de datos do país", dixo, e a continuación matizou: "Sei que os resultados nos causan sorpresa e, por iso, debemos analizar o que sucedeu".

Gálvez entende que as forzas da oposición, agrupadas na coalición Forza e Corazón por México (PAN, PRD e PRI), tiveron que se enfrontar a unha "competencia desigual contra todo o aparato do Estado", que cre que se dedicou a "favorecer a súa candidata", Sheinbaum, do mesmo partido que o presidente saínte, Andrés Manuel López Obrador.

"Isto non remata aquí. Si, presentaremos as impugnacións que proben isto que lles digo e que todos sabemos. Farémolo porque non podemos permitir que teñamos outra elección igual a esta. Hoxe máis que nunca debemos defender a nosa democracia e a nosa república. Os contrapesos e a división de poderes seguen en risco", asegurou na tarde desta segunda feira [hora local].

A líder opositora fixo un chamamento á "unidade" ante os seus seguidores para "defender México do autoritarismo e o mal goberno". "Buscarán dividirnos e desalentarnos, mais non podemos darnos o luxo de claudicar. Sigamos a nosa loita por ti, pola nosa familia e por México. Somos a resistencia e debemos facer o que nos toca", engadiu.

Claudia Sheinbaum logrou un contundente triunfo nas urnas con perto de 60% dos votos emitidos, converténdose así na primeira muller presidenta do país. Asegurou que traballará por "seguir facendo de México cada día un país máis xusto, democrático, libre, soberano, para seguir construíndo a grandeza da nosa patria".