Unha contundente vitoria da coalición de Sheinbaum convértea na primeira muller presidenta de México

Sigamos Facendo Historia imponse con máis de 57% dos votos co 54% do total escrutado. As forzas da oposición asumen a derrota.
A candidata á Presidencia de México do Morena, Claudia Sheinbaum, depositando o seu voto este domingo. (Foto: Li Muzi / Contacto / Europa Press)
photo_camera A candidata á Presidencia de México do Morena, Claudia Sheinbaum, depositando o seu voto este domingo. (Foto: Li Muzi / Contacto / Europa Press)

O Movemento de Rexeneración Nacional (Morena), a formación que en 2018 levou á Presidencia de México a Andrés Manuel López Obrador, está a piques de asegurar un segundo mandato da man de Claudia Sheinbaum, a súa candidata para os comicios que decorreron este domingo. Nestes momentos, con algo menos de 76,1% do voto escrutado, a coalición Sigamos Facendo Historia, formada por Morena, Partido do Traballo e Partido Verde —que seis anos atrás concorrera da man do hoxe opositor PRI—, avanza en primeira posición con máis da metade dos apoios (58,7%).

En segunda posición, a case 30 puntos de distancia (28,3%), fica Forza e Corazón por México, a alianza opositora que reúne o Partido Revolucionario Institucional (PRI), o Partido Acción Nacional (PAN) e o Partido da Revolución Democrática (PRD), cuxa candidata é Xóchitl Gálvez. E terceiro, con 10,5%, sitúase o candidato do Movemento Cidadán, Jorge Álvarez Máynez.

A opositora Xóchitl Gálvez, candidata á Presidencia por 'Forza e Corazón por México'. (Foto: José Luis Torales / Europa Press / Contacto)
A opositora Xóchitl Gálvez, candidata á Presidencia por 'Forza e Corazón por México'. (Foto: José Luis Torales / Europa Press / Contacto)

Tanto Gálvez como Máynez asumiron a derrota e chamaron xa Sheinbaum para parabenizala, segundo dixo a propia aspirante de Morena. "Ser candidata foi a maior honra da miña vida", precisou Gálvez, que lamentou a "dor e violencia" que percibiu durante a campaña e asegurou ser "unha demócrata comprometida co respecto á lei". Tamén se mostrou satisfeita de que o país vaia ter a súa primeira muller presidenta, mais advertiu: "Sairemos á rúa as veces que teñamos que facelo para defender a República e a democracia".

E Máynez presumiu do resultado "histórico" do Movemento Cidadán, con arredor de 10%, logo de obter algo menos do 2% nos anteriores comicios presidenciais dentro da coalición Por México Á Fronte, xunto ao PAN e o PRD. "Foi a única campaña que non tivo financiamento ilegal", afirmou.

 

Pola súa parte, o presidente saínte, López Obrador, vén de publicar un comunicado hai escasos minutos nas súas redes sociais ratificando o triunfo da súa candidata: "Hoxe é un día de gloria, porque o pobo de México decidiu libre e democraticamente que Claudia Sheinbaum se converta na primeira muller presidenta en 200 anos de vida independente da nosa República. Parabéns a todos os que temos a ledicia de vivir estes tempos estelares de orgullo e transformación".

Claudia Sheinbaum: "Este é o recoñecemento do pobo de México á nosa historia, aos resultados, á convicción e á vontade"

"Quero agradecer aos millóns de mexicanas e mexicanos que decidiron votar por nós nesta histórica xornada para avanzar coa cuarta transformación da vida pública do noso fermoso país. É o recoñecemento do pobo de México á nosa historia, aos resultados, á convicción e á vontade, pero sobre todo é o recoñecemento do pobo de México ao noso proxecto de nación", celebrou Sheinbaum.

A gran vencedora da noite agradeceu o traballo do aínda presidente, a quen definiu como "un home que nunca se deu por vencido, nunca cansou de dedicar a súa vida á xustiza e ao seu pobo", e cuxo legado prometeu manter vivo durante o seu mandato. "Vimos de lonxe. Este triunfo non é de agora, debémosllo a moitas e moitos que loitaron pola nosa patria, polas liberdades e a xustiza, a homes e mulleres que deron a súa vida polo noso país, a movementos sociais, obreiros, estudantís, médicos, de mestres, de campesiños, de mulleres...", subliñou.

Comentarios