A Deputación de Pontevedra anuncia que dará clases de español para inmigrantes

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, nunha presentación a pasada quinta feira (Foto: Deputación de Pontevedra).
 A Administración provincial informa de que realizará cursos de castelán gratuítos para as persoas recén chegadas á Galiza. Mentres, a asociación Pro-Fundación Manoel Vello reflexiona nun manifesto feito público na súa web sobre a necesidade de elaborar programas de integración para inmigrantes en lingua e cultura galegas.

A Deputación de Pontevedra anunciou este sábado que organizará cursos gratuítos de castelán para que as persoas inmigrantes poidan superar as probas orais, escritas e de comprensión do exame DELE A2 do Instituto Cervantes.

A través dun comunicado, indican que o obxectivo destes cursos é facilitar ás persoas de países que non falan castelán a consecución dese título e apoiar, así, “a súa integración na provincia”.

O curso impartido en Pontevedra estenderase até o 5 de xuño e as persoas participantes saben ler e escribir, atópanse en situación regular en España, son maiores de 16 anos, teñen coñecementos básicos de lingua castelán e están empadroadas en Marín (O Morrazo), Meis (O Salnés), Pontevedra, Soutomaior (comarca de Vigo), Valga (Caldas) e Vilagarcía (O Salnés).

Pola súa parte, en Vigo serán 20 as persoas que inicien o curso esta segunda feira até o próximo 5 de xuño e perto doutras 20 farano do 10 de xuño ao 26 do mesmo mes. Estes alumnos están empadroados en Vigo e nos municipios da súa comarca -O Porriño, Redondela e Soutomaior- ademais de Cangas (O Morrazo), Ponteareas (O Condado) e Tomiño (Baixo Miño) e Vigo.

Galego para inmigrantes

Por outra parte, con motivo do Día das Letras Galegas, a asociación Pro-Fundación Manoel Vello difundiu un manifesto no que demandan facilidades para que as persoas inmigrantes teñan acceso a aprender galego.

No documento, convidan á sociedade do país “a reflexionar sobre a necesidade de elaborar programas de integración en lingua e cultura galegas” para quen chegue á Galiza.

Co texto, publicado na súa páxina web, aseguran que pretenden espallar que “os novos galegos boten raíces non só na nosa terra, senón tamén na nosa cultura e non se queden como meros espectadores do noso folclore e da nosa lingua, teremos que asumir a responsabilidade en dárllela a coñecer como o tesouro que é”.

Desde a entidade afirman que constatan que as persoas inmigrantes “están desexando integrarse e teñen dereito a facelo” polo que consideran que “de nós depende en que sociedade o fagan, en que lingua se expresen e con que valores se identifiquen”.

“Non esquezamos que todo inmigrante que se sente aceptado nunha nova sociedade convértese en férreo defensor dela”, pensan desde a asociación, polo que opinan que “se se senten galegos, será tamén o seu labor alzar a súa voz en defensa da nosa cultura, pois será tamén a deles”.

Vivir en galego

“Nun mundo globalizado temos que prestarlle especial atención á inmigración”, asegura a presidenta da entidade, Carolina Silva. A responsábel da asociación que leva o nome do activista Manoel Vello cre que “non podemos rendernos á idea de que opten sempre polo español como única lingua de comunicación”.

Ante esta situación Silva urxe “ser proactivas e proactivas e ir canda eles a falarlles en galego e dicirlles que na Galiza teñen unha nova casa”.