CRÓNICA | Miles de persoas escenifican en Compostela o "gran pacto nacional polo galego"

Miles de persoas acudiron esta sexta feira a Compostela para reivindicar "un galego vivo" nunha "Galiza viva", tal e como figuraba no lema da convocatoria da plataforma Queremos Galego. Miles de persoas de diferentes idades e procedencias que defenderon o dereito a vivir en galego.
c3
photo_camera A praza da Quintana de Compostela, ateigada esta sexta feira na manifestación convocada por Queremos Galego. (Foto: Arxina)

A chamada esta semana do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, a un "gran pacto polo galego" tivo esta sexta feira resposta en Compostela, unha resposta que pode que non fose a que procuraba o novo conselleiro mais que non debería ignorar. Miles de persoas procedentes de diferentes comarcas da Galiza desafiaron distancias e mal tempo para manifestarse na capital galega por un "galego vivo nunha Galiza viva" e para denunciar as consecuencias destes anos de políticas lingüísticas feitas á marxe, ou directamente  contra, o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) —que en setembro fai 20 anos—: "Emerxencia lingüística e perda de falantes", en palabras de Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego, plataforma convocante da mobilización. Foi Maceira quen, na súa intervención ao remate da manifestación na praza da Quintana dirixiuse aos miles de asistentes para afirmar que nas alí presentes, así como en todas aquelas persoas que defenden o idioma, estaba "o gran pacto nacional sobre a lingua".

A poalla que desde primeiras horas da mañá caía sobre Compostela fixo unha breve parada sobre as 12 do mediodía, hora de inicio da manifestación, para que as miles de persoas concentradas na Alameda e contorna saísen en manifestación. Paraugas, bandeiras, e faixas facían parte da paisaxe mobilizadora, entre o son de gaitas e pandeiretas, cánticos e consignas.

"Sumar pola lingua"

Xosé Fernández
Xosé Fernández

A marcha percorreu diversas rúas do Ensanche compostelán para despois adentrase na zona vella, onde cantos e lemas resoaban con máis forza, desde o clásico "Na Galiza, en galego" até o máis recente "Rueda, atende, o galego está presente". Xosé Fernández, natural de Lobios (Baixa Limia)  e residente en Asturias desde hai 54 anos (antes estivo na emigración en Barcelona) desprazouse ex profeso a Compostela para participar na manifestación de Queremos Galego. “Galiza e o galego necesitan reivindicarse”, afirma en conversa con Nós Diario. “Eu veño aquí a sumar para facer lingua”, explica emocionado, e asegura que “é o sentimento de galego” o que o motiva a implicarse. “Se non son galego, non son nada”, manifesta.

Iria Gavilanes
Iria Gavilanes

Seis décadas separan Xosé de Iria Gavilanes, de San Cibrao das Viñas (Ourense). Esta moza ve “moi importante” mobilizarse ante a situación do idioma, “que non está normalizado”. “A situación é moi precaria”, apunta a este diario, mais chama a que iso non pode sr motivo de desánimo Fronte, dixo, administracións e “entornos” que “non o poñen doado”, pon o exemplo de mozos e mozas que está a dar o paso e pásanse ao galgo. “Si que noto que hai unha corrente de simpatía, de mozas que deciden dar o salto do castelán ao galego”, se ben comproba como tamén hai mozos que continúan na diglosia en pleno século XXI, “falan galego na casa cos pais e cambian ao castelán cando saen dela. 

Sofía Rama
Sofía Rama

A Mariña, Valdeorras, A Coruña, O Salnés, Fisterra... xentes das diferentes comarcas galegas estaban presentes na mobilización. O seseo das Rías Baixas, o 'nosoutros' de Lugo e comarcas adxacentes, o rotacismo, os pronomes ben e mal colocados, a fala coas 7 vogais presentes e tamén aquela á que lle caeron 2..., mesmo castelánfalantes  preocupados pola lingua propia da Galiza. Todos os galegos facían parte da mobilización no que era un acto de compromiso"máis necesario que nunca", en palabras de Sofía Rama, profesora no instituto de Rianxo (Barbanza). Considera que participar na manifestación este ano “non é xa que sexa importante, é que é imprescindíbel” para reverter a situación e camiñar cara a “unha lingua normalizada”.

“Creo que é máis importante manifestarse agora que hai 15 anos, porque a situación empeorou moito”, acrecenta. Rama incide no decreto de plurilingüismo como unha ferramenta que agravou o papel de ensino como “elemento castelanizador” (“no ensino seguen sen poder darse materias da área de ciencias en galego”)  e considera que a defensa do idioma ten que ser “unha responsabilidade de toda a sociedade”.

Antón Méndez
Antón Méndez

Antón Méndez, un mozo de 25 anos de Vigo, explica que participa na manifestación "porque entendo o Día das Letras Galegas como un día de reivindicación colectiva da nosa lingua e do noso pobo”.

Elisa
Elisa Piñeiro

Na mesma liña, Elisa Piñeiro, moza de Pontevedra, salienta: "Estou aquí para defender o galego ante as imposicións do castelán. Para defender a nosa lingua que é a que nos define como pobo". Familias, grupos de amigas, parellas, persoas en solitario e outras facendo parte de grupos comarcais autoorganizados  para asistir a esta mobilización, cuadrillas... Máis un ano, a lingua propia volveu sumar miles de galegos e galegas.


Marcos Maceira: "Non imos baixar os brazos nin agochar a lingua" 

Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego, foi o encargado de fechar as intervencións na praza da Quintana, após que tomasen a palabra representantes de diferentes colectivos e antes de que Dakidarría puxese o ramo musical. Maceira, que empezou cunha mensaxe de solidariedade a Palestina, acusou os Gobernos do PP na Xunta da Galiza de "promover nos últimos quince anos a maior regresión e difusión de prexuízos sobre o idioma de Galiza da historia autonómica, desprezando o mandato legal de promovelo.

Transformou en “imposición” a lóxica aspiración a que o único idioma propio de Galiza sexa tan normal, audíbel e visíbel como calquera outro no seu propio país". Maceira resumíu os resultados desas políticas: "emerxencia lingüística e retroceso de falantes", mais apelou aos que "non nos resignamos e actuamos para enfrontar a emerxencia lingüística facendo o que a Xunta non fai: repolo [o galego] e normalizalo". Parabenizou a todas aqueles e aqueles que no seu día pulan porque o galego sexa un idioma "vivo" e con dereitos. "Non imos baixar os brazos nen agochar a lingua até conseguir todas as garantías para poder vivir en galego", concluíu.

Comentarios