VÍDEOS NO INTERIOR

Miles de persoas maniféstanse en Compostela por "un galego vivo"

Queremos Galego exixe ás Administracións, nomeadamente á Xunta da Galiza, que asuman as súas responsabilidades para coa lingua galega.

Manifestación en Compostela convocada por Queremos Galego. (Foto: Queremos Galego)
photo_camera A praza da Quintana, ateigada. (Foto: BNG Compostela))

Unha multitude de persoas participan arestora en Compostela na manifestación convocada pola plataforma ‘Queremos Galego’ baixo o lema Galego vivo, Galiza viva! e na que se demanda do Goberno galego e resto de Administracións que “asuman a súa responsabilidade” para co idioma propio da Galiza.

A tradicional poalla compostelá das horas previas fixo un descanso para acompañar a manifestación, que saíu da Alameda da capital galega para dirixirse a percorrer varias rúas do Ensache antes de adentrase na zona vella. Da Mariña até O Baixo Miño, de Valdeorras a Fisterra, xentes procedentes das diferentes comarcas do país non quixeron faltar á cita do 17 de maio para achegar o seu grao de area na defensa e reivindicación do galego.

Antes da saída, o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, resaltou que se fan 20 anos do Plan Xeral de Normalización Linguística e esixiu á Xunta da Galiza o seu cumprimento porque o galego está, dixo, nunha situación "de emerxencia".

Na mobilización tamén tomaron parte diferentes representantes de colectivos culturais e sociais, así como de partidos políticos, coa presenza de Ana Pontón (BNG) á fronte dunha ampla representación nacionalista, Nicolás Casares (PSdeG) ou Paulo Carlos López (Sumar), entre outros.

Pontón dixo que se a Xunta e o PP queren alcanzar un pacto polo idioma galego tal e como propuña esta semana no Parlamento o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, debe "dar marcha atrás en todas as súas políticas en contra da lingua galega". En concreto, segundo declaracións aos medios ofrecidas antes da manifestación, Pontón referiuse ao "decreto da vergoña" aprobado en 2010 .

Pola súa parte, o candidato do PSdeG ao Parlamento europeo, Nicolás González, reclamou ao PP que volva ao consenso na defensa do galego logo de máis dunha década de políticas que situaron á lingua “en franco retroceso”. 

O mal tempo co que amenceu a xornada en boa parte do país non prendeu o desánimo, nin moito menos, entre as asistentes á mobilización. Non faltou a música nin o colorido das faixas ao longo da marcha, así como tampouco as consignas xa clásicas como a de “Na Galiza en galego”.­­

Manifesto

A manifestación rematou na praza da Quintana, un dos corazóns da zona vella compostelá. Aí, a actriz Isabel Risco conduciu o acto que precedeu á lectura do manifesto, no que participaron Mónica Fernández Valencia, da Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización da Lingua;  Xerardo Roca, da  Asociación Socio-Pedagóxica Galega; Alba Quiroga, de Erguer - estudantes da Galiza;  Mónica García, da Asociación de Actores e Actrices de Galiza;  Paulo Carril, da CIG; André Laxe, de Galiza Cultura; Celia Armas, da Mesa pola Normalización Lingüística; Cesáreo Sánchez Iglesias, da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega.  Finalmente, interviu Marcos Maceira e houbo unha actuación musical de Dakidarría. 

Maceira comezou a súa intervención cunha lembranza para Palestina. “Hoxe reivindicamos a nosa lingua e a nosa existencia como pobo que quere para si o mesmo que para todos os pobos do mundo: dignidade, igualdade, liberdade e paz. Por iso, como tantas veces Luísa Villalta, non ficamos impasíbeis perante o xenocidio ao que está a ser sometido o pobo de Palestina”.

O portavoz de Queremos Galego foi moi crítico coa política lingüística do Goberno galego. “Promoveu nos últimos quince anos a maior regresión e difusión de prexuízos sobre o idioma de Galiza da historia autonómica, desprezando o mandato legal de promovelo. Transformou en “imposición” a lóxica aspiración a que o único idioma propio de Galiza sexa tan normal, audíbel e visíbel como calquera outro no seu propio país”.

Tivo tamén palabras para a oferta do novo conselleiro de Lingua, López Campos, que falou dun “gran pacto polo galego”. “É unha burla”, dixo, “ que anuncien ou propoñan novos acordos sen cumpriren co xa pactado hai 20 anos e é unha vergoña que un mes despois de ser nomeado o  Conselleiro de Cultura e Lingua nin sequera se atreva a atender a solicitude de encontro que lle fixo a Mesa pola Normalización Lingüística, a principal entidade cidadá de defensa da lingua. Mentres oferecen un pacto para tapar outro pacto, a única política que aplican para o galego é a da desaparición na Educación Infantil”.

Comentarios