O IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago inaugura a mostra ‘Un canto na procura da luz’ sobre a figura de Luísa Villalta

Dende a esquerda, Xavier Mouriño, director do IES Rosalía; Valentín García, secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta; Marga Romero, profesora responsable de Dinamización Lingüística do IES Rosalía de Castro; Ana García, profesora de debuxo do IES Rosalía, e Juan José Raíces, xefe de departamento de debuxo do IES Rosalía

A mostra inclúe 26 paneis informativos sobre a autora homenaxeada nas Letras Galegas deste 2024 xunto a poemas, videopoemas, caligramas e ilustracións asinados polo alumnado

O IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela inaugurou na mañá desta cuarta feria a exposición Un canto na procura da luz, unha mostra ao redor de Luísa Villalta que reúne 26 paneis informativos sobre a traxectoria vital e profesional da autora, así como traballos do alumnado deste centro compostelán baseados na figura homenaxeada nas Letras Galegas neste 2024. Videopoemas, ilustracións, caligramas e poemas asinados por estudantes de secundaria sobre diferentes aspectos da  súa biografía e mais da súa obra conforman o groso desta exposición que se pode ver no primeiro andar do centro.

“Trátase dunha exposición ampla, ben grande e moi completa sobre a figura de Luísa Villalta”, destacou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, na súa intervención durante un acto de apertura que tamén contou coas palabras do director do IES Rosalía de Castro, Xavier Mouriño, así como dos profesores de Educación Plástica Visual do centro, Ana García e Juan José Raíces, e da profesora responsábel de Dinamización Lingüística do Rosalía, Marga Romero.

Valentín García transmitiulle os seus parabéns ao alumnado polo traballo nesta exposición e destacou tanto a “sorte” como o “privilexio” que significa estudar nun instituto como o Rosalía de Castro, no que o esforzo “colectivo” da comunidade educativa e a implicación do profesorado proporciona grandes oportunidades de aprendizaxe á rapazada. García rematou a súa intervención brindándolle un consello ao alumnado presente na inauguración: “Levade a cultura e a lingua sempre con vós”.

Escribir para o futuro

Pola súa banda, a profesora responsábel de Dinamización Lingüística do centro, Marga Romero, achegou a súa visión sobre Luísa Villalta, autora á que a unía unha longa amizade. “Luísa Villalta escribiu para o futuro”, sentenciou Romero, quen aproveitou a ocasión para trazar un percorrido pola traxectoria da autora. “Foi ensinante, gustáballe dar clase e facíao dende o IES Isaac Díaz Pardo de Sada”, sinalou Romero antes de pór en valor tamén a súa carreira musical como violinista, a súa paixón pola música barroca ou a súa participación na Orquestra Xove de Galiza ou na formación Escaino.

Dende o punto de vista literario, Romero falou dalgúns dos títulos  máis destacados de Villalta. Citou obras como As chaves do tempo,  Concerto para un home só , Papagaio ou Rota do interior do ollo, título que abriu a editora lusa Edições Tema. Exemplares destas obras forman parte da mostra.

Os traballos realizados polos alumnos e polas alumnas do IES Rosalía de Castro para esta exposición contaron coa implicación, ademais dos xa amentados Raíces, Romero e García, da profesora de galego Sira Vidal e o profesor de latín Xabier Recondo. Ademais, os antigos docentes do centro, agora xubilados, Soledad Pite e Pedro Ávila achegaron á mostra varias ilustracións a xeito de retrato de Luísa Villalta.