Santiago celebra o Día das Letras pondo en valor a obra de Luísa Villalta

 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, detallou en rolda de prensa esta e outras iniciativas que terán lugar ao longo da semana das Letras e que inclúen o acto de lectura pública da declaración institucional o 16 de maio, paseos guiados sobre as orixes da lingua ou o recital "Ritos de resistencia".
Goretti Sanmartín presentou o programa de actividades con motivo do Día das Letras Galegas.
photo_camera Goretti Sanmartín presentou o programa de actividades con motivo do Día das Letras Galegas.

Con motivo do Día das Letras Galegas, o 17 de maio, o Concello de Santiago lanza a campaña Andei por Santiago/pisando estrelas coa que convida á veciñanza a compartir en redes sociais os seus recunchos favoritos de Compostela ao tempo que se pon en valor a figura da poeta Luísa Villalta. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, detallou en rolda de prensa esta segunda feira, 13 de maio, esta e outras iniciativas que terán lugar ao longo da semana .

A alcaldesa lembrou que, nun acto que terá lugar o 16 de maio ás 11 horas na praza do Obradoiro, se fará unha lectura pública dunha declaración institucional aprobada por unanimidade polo Pleno do Concello. Contará coa participación das escritoras Marga Romero e Esperanza Mariño que lerán unha escolma da obra poética de Villalta.

O Concello tamén ofrecerá ao longo de maio paseos guiados sobre Compostela e as orixes da lingua con paradas "que permitirán descubrir como naceu o galego e aspectos relevantes do léxico, á pronuncia, o status social e a diversidade do desenvolvemento do idioma".

O Teatro Principal acollerá o 16 e 17 de maio o espectáculo Made in Galiza, a cargo de Sarabela Teatro sobre un texto de Séchu Sende.  A obra está dirixida por Fina Calleja e o elenco está conformado por Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto. "Trátase dunha reflexión sociolingüística en clave de humor que dará pé ao debate ao remate da función prevista para o 16 de maio", engadiu a rexedora.

O Teatro Principal tamén acolle, o sábado 18 de maio ás 20.30 horas, Ritos de resistencia, un recital multidisciplinar con poesía, música e imaxe que ten como eixo central os poemas de Luísa Villalta, no que Participarán a poeta e comunicadora Eva Veiga, ao tempo que os músicos Bernardo Martínez (percusión e xoguetes musicais) e Fito Ares (frauta e saxo soprano) interactúan de forma instantánea coa palabra a través dos instrumentos e se proxectan imaxes realizadas do artista Alfonso Costa. 

Os Centros Socioculturais de Santiago tamén se suman á celebración do Día das Letras Galegas co obradoiro de creación literaria "Escribirmos na compaña de Luísa Villalta", que será impartido por Marga do Val e con sesións a cargo de Cristal Méndez Queizán e de Miro Villar. Trátase dunha iniciativa da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) que conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración do Concello de Santiago. Estes obradoiros impartiranse os sábados 20 de abril; 4, 11 e 25 de maio; e 1, 8, 15 e 22 de xuño de 2024.

Goretti Sanmartín fixo un chamamento a toda a veciñanza reiterando que "o mellor que podemos facer para difundir a nosa lingua e apostar pola nosa literatura é falala e ler a obra de escritoras e escritores pero sobre todo a autora á quen se lle dedica as letras", porque ademais "a obra de Luísa Villalta é moi contemporánea e actual e que chega facilmente á mocidade".

Máis en CULTURA
Comentarios