A Mesa leva ao Consello de Europa o ‘varrido’ do galego do ensino infantil

Unha delegación da MNL reuniranse esta segunda feira con responsábeis do comité de expertos que avalía o cumprimento do Convenio Marco de protección das minorías nacionais do Consello de Europa.

Unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística reunirase esta segunda feira en Madrid co Comité de expertos do Consello de Europa para o Convenio Marco para a protección das minorías nacionais. Unha xuntanza na que exporá “os continuos incumprimentos en materia de dereitos lingüísiticos que poñen mesmo en cuestión a oficilialidade real da lingua galega por parte da Xunta e do Estado”.

A Mesa lembra que o Convenio Marco para a protección de minorías nacionais promovido polo Consello de Europa e ratificado polo Estado Español inclúe expresamente no seu articulado o dereito de aprender a lingua propia.  

A delegación da MNL informará ao Consello de Europa sobre a situación do galego na educación infantil á luz dos datos do último estudo elaborado pola entidade en defensa da lingua que mostran como o galego está a desaparecer desta etapa educativa, cunha presenza por baixo do 3% de centros que imparten maioritariamente no noso idioma.

Así mesmo, a asociación en defensa da lingua informará ao Consello de como nos últimos anos se multiplicaron as queixas que reciben pola deturpación da toponimia galega por parte da Administración (desde o Ministerio de Agricultura á Axencia de Turismo da Xunta, pasando polo Concello da Coruña) e das empresas públicas (como Renfe ou TVE) ou mesmo universidades estatais como a UNED, unha cuestión que parecía estar superada.