Unha delegación da Mesa pola Normalización Lingüística reunirase esta segunda feira en Madrid co Comité de expertos do Consello de Europa para o Convenio Marco para a protección das minorías nacionais. Unha xuntanza na que exporá “os continuos incumprimentos en materia de dereitos lingüísiticos que poñen mesmo en cuestión a oficilialidade real da lingua galega por parte da Xunta e do Estado”.
A Mesa lembra que o Convenio Marco para a protección de minorías nacionais promovido polo Consello de Europa e ratificado polo Estado Español inclúe expresamente no seu articulado o dereito de aprender a lingua propia.
A delegación da MNL informará ao Consello de Europa sobre a situación do galego na educación infantil á luz dos datos do último estudo elaborado pola entidade en defensa da lingua que mostran como o galego está a desaparecer desta etapa educativa, cunha presenza por baixo do 3% de centros que imparten maioritariamente no noso idioma.
Así mesmo, a asociación en defensa da lingua informará ao Consello de como nos últimos anos se multiplicaron as queixas que reciben pola deturpación da toponimia galega por parte da Administración (desde o Ministerio de Agricultura á Axencia de Turismo da Xunta, pasando polo Concello da Coruña) e das empresas públicas (como Renfe ou TVE) ou mesmo universidades estatais como a UNED, unha cuestión que parecía estar superada.