Palabras con memoria: expresándose

Levar un cirote é sinónimo de levar un chasco. (Foto: Nós Diario)

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

cambela.- (Ademais doutros significados rexistrados) Desvelo ou preocupación por algunha cousa ou por alguén.
Exemplo.- “Des que plantou a horta ten moita cambela, vaina regar tódolos días.”
Lugar de escoita.- Sober (Lugo).
Fonte.- Ramón Sandoval.

cirote (levar un).- Levar un chasco.
Exemplo.- "Anda, que levaches un cirote..."
Lugar de escoita.- Xinzo de Limia e bisbarra.
Fonte.- Rafael Laso Lorenzo.

e vía!.- Ten un sentido semellante a “e asunto concluído!”, “e acabouse o problema!”.
Exemplo.- “Fun ó Concello, presentei os papeis, botei unha firma e vía!”
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).
Fonte.- Manuel Cabada Castro.
Outros apuntamentos.- O informante indica que, por referencias doutras persoas amigas e coñecidas, úsase tamén no mesmo sentido en Terra de Montes e noutras zonas de Galicia.

panto.- Expresión para negarlle a alguén algo que está a solicitar tratando de evitar o uso dunha expresión máis vulgar.
Exemplo.- “Papá, mércasme unha moto?” “Un panto, vouche dar un panto.”
Lugar de escoita.- Parada (Nigrán).
Fonte.- José Luís Rial Fernández.
Outros apuntamentos.- Enviada por Isabel Fernández Vidal.

se me valera...- Frase ameazante que, ben polas consecuencias da súa aplicación, ben polos efectos que puider ter na propia conciencia, queda no ar sempre como un simple desafogo.
Exemplo.- “Se me valera, non habías comer outra cousa ata que acabases co que tes nese prato”. “Se me valera, habíalle dicir catro cousas a ese lampantín.”
Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.
Fonte.- Isidro Novo.