Palabras con memoria: natureza manifesta

Arroxo é sinónimo dunha fervenza que baixa dos prados ao romper a canle principal. (Foto Nós Diario).
Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

arroxo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Fervenza que baixa dos prados ao romper a canle principal. Verbo: Arroxar.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

chaula.- Nos lugares costentos, unha pequena extensión do terreo sen desniveis.
Exemplo.- "As vacas estaban deitadas na chaula".
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- Toño Núñez.

tarandeira.- (Ademais de significados xa rexistrados) Pau longo que se pon atravesado na entrada dun eido.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

torrillouzo.- Sinónimo de duna, elevación de area nas praias.
Lugar de escoita.- Parroquia de Covas (Ferrol).
Fonte.- Sociedade Cultural Columba.

zarcio.- Variante da máis común zarzo, a cal designa un tipo de terra arxilosa, de calidade ruín e de cor encarnada.
Lugar de escoita.- Ferrolterra.
Fonte.- Henrique Dacosta.