Palabras con memoria: mar extenso

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

Maricumbe é a mestura de diferentes tipos de algas que a maré deixa na ribeira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Maricumbe é a mestura de diferentes tipos de algas que a maré deixa na ribeira. (Foto: Nós Diario)

angazo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Balance brusco do barco ou mar de fondo no medio do mar.
Lugar de escoita.- Muxía.
Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.
Outros apuntamentos.- Adoita pronunciarse con seseo.

arranchar.- (Ademais doutros significados) Preparar un lugar con todo o necesario. Emprégase na linguaxe mariñeira para encher os barcos con todo o necesario para a marea (víveres, gasoil, aparellos,...), e tamén, por similitude, para o fogar.
Exemplo.- “Pola tarde arranchamos, e marchamos para o mar despois de cear.”
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira López.

co.- (Variante de con) Pedra que o mar cobre, baixo marítimo.
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira López.

guarnir (3).- (Ademais de significados xa rexistrados e outros aquí recollidos) Preparar unha arte de pesca para un barco.
Exemplo.- “Onte estivemos guarnindo para o bonito.”
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira López.

maricumbe.- Verdello, mestura de diferentes tipos de algas que a maré deixa na ribeira.
Exemplo.- “Houbo mar esta noite, que quedou moito maricumbe.”
Lugar de escoita.- Berducedo (Moaña).
Fonte.- Gonzalo Martínez Portela.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Soledad Ríos Santomé, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

Comentarios