Pontón cre que se a Xunta quere un pacto pola lingua debe "dar marcha atrás" nas súas políticas

Ana Pontón, esta sexta feira, na manifestación en Compostela convocada por Queremos Galego. (Foto: César Arxina / Europa Press)
A líder da oposición reclamou o cumprimento do Plan Xeral de Normalización de 2004, cuxa aprobación por unanimidade no Parlamento fai 20 anos neste 2024.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cre que se a Xunta da Galiza e o PP queren alcanzar un pacto polo idioma galego, tal e como propuña esta semana no Parlamento o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, debe "dar marcha atrás en todas as súas políticas en contra da lingua galega".

En declaracións aos medios ofrecidas antes da manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego en Santiago acompañada da candidata do Bloque ás eleccións europeas, Ana Miranda, Pontón referiuse ao "decreto da vergoña" aprobado en 2010 —daquela con Alberto Núñez Feixoo á fronte do Goberno galego— que fixaba que o ensino sería, a partes iguais, en castelán, galego e inglés.

Ademais, a líder da oposición reclamou o cumprimento do Plan Xeral de Normalización de 2004, que este ano fai 20 anos da súa aprobación por unanimidade no Parlamento. "Se o PP realmente quere dar pasos para un gran pacto polo idioma, o primeiro que ten que facer é deixar atrás esta política de imposicións contra o galego que está a privar aos mozos da liberdade e a oportunidade de poder utilizar a nosa lingua", aseverou.

"Mil primaveras máis"

Pontón participou un ano máis nesta gran mobilización, xa habitual do Día das Letras Galegas, para mostrar o "orgullo" da Galiza a ter "unha lingua que nos permite estar no mundo con voz" e que permite ser un "pobo con puxanza e con futuro". Tras reivindicar "mil primaveras máis" para o galego, insistiu en que a Xunta debe acometer "un cambio de rumbo" con respecto á lingua, porque "incumpre toda a lexislación" para defendela, pero tamén o Estatuto de Autonomía da Galiza, segundo dixo.

Para a portavoz nacional do BNG, o PP "traballa contra a lingua" ao impulsar normativa "que quere converter ao galego nunha lingua de segunda" co decreto do plurilingüismo na educación que "prohibe ensinar Matemáticas e Física e Química en galego", e cando "afoga economicamente" as políticas de apoio ao idioma cun "recorte" que cifrou en 55%.

E todo iso "ten consecuencias", lamentou a continuación, para referirse aos datos da Real Academia Galega (RAG) e do Instituto Galego de Estatística (IGE) que apuntan a un retroceso do emprego do idioma propio en comparación ao castelán, especialmente nas novas xeracións.

"Nos primeiros anos de escola pérdese un 10% de galegofalantes e todo isto ten como resultado que un de cada tres novos acaba o ensino obrigatorio sen saber falar galego", lamentou Pontón.