Día das Letras Galegas

Un pacto pola lingua após 20 anos dun consenso pouco útil

O Conselleiro de  Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, chamou esta semana a buscar os "consensos necesarios para seguir impulsando e prestixiando o uso do galego". Desde o Parlamento da Galiza ofreceu un gran pacto "para situar o ben máis prezado por riba de calquera disputa política".
José López Campos, María Pilar García Negro e Henrique Monteagudo. (Fotos: Xunta da Galiza / Arxina / RAG)
photo_camera José López Campos, María Pilar García Negro e Henrique Monteagudo. (Fotos: Xunta da Galiza / Arxina / RAG)

A iniciativa do conselleiro de Lingua, na véspera do Día das Letras Galegas, semella dar resposta a unha demanda que a sociedade galega mantén desde hai décadas e que a plataforma Queremos Galego escenificará hoxe nas rúas de Compostela cunha manifestación por un "Galego vivo para unha Galiza viva". O lema escollido este ano encabeza un manifesto no que reclaman aos gobernos "asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma" após 20 anos de incumprimentos do Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade polo Parlamento en setembro de 2004. "Elaborado coa participación de máis de 1.000 persoas de todos os ámbitos, con 400 accións e medidas concretas en cada un deles, non só non se desenvolveu senón que se produciron importantes retrocesos", afirma a plataforma.

Coincidindo co 20 aniversario do Plan xeral de normalización lingüística, o conselleiro José López Campos fixo o seu primeiro ofrecemento aos grupos da oposición para alcanzar "un gran pacto pola lingua galega". "Vivimos nunha Galiza que coñece, quere e usa o galego e na que a lingua é unha gran riqueza pola que debemos traballar desde a concordia e con liberdade", afirmou.

Un pacto imprescindíbel

"Un pacto político de base ampla, cunha participación social ampla, tamén, sería unha boa noticia para o galego mais tamén unha noticia imprescindíbel para dar pasos adiante no terreo da normalización lingüística", asegura a Nós Diario Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (RAG). Porén, pide tempo para ver até que punto o PP e a Xunta da Galiza están dispostos a negociar o contido do pacto. "Non valería de moito se resulta un pacto de cataplasmas, de medidas que non se aplican ou que se revelan ineficaces, como ocorreu nas últimas décadas".

Como experto en sociolingüística, Monteagudo mantén que hai camiños para recuperar o galego e evitar a súa substitución. O plan que se escolla no futuro terá que ser "operativo" e para iso, di, tan importantes como as medidas que se adopten será contar cun "seguimento ou avaliación independente" da súa aplicación. O Plan xeral de normalización  da lingua de 2004 recolle esta exixencia ademais de accións concretas en diferentes sectores que aínda hoxe serían útiles de se levar a cabo. "Habería que actualizalo, pero é unha boa base", admite o membro da RAG.

"O problema é que non foi executado nin foi avaliado, como se aprobou por unanimidade", salienta a profesora honoraria da UDC María Pilar García Negro. E en materia de normalización lingüística é fundamental programar e temporalizar as medidas, avaliar os resultado e, chegado o caso, corrixir esas medidas ou implementar outras acordes aos tempos, só hai que pensar na gran mudanza que sufriu o audiovisual en 20 anos" coa irrupción das novas tecnoloxías e as redes sociais.

A respecto do ofrecemento que o novo responsábel de Lingua da Xunta vén de expor en sede parlamentar, García Negro pregunta: "Un pacto de que? Pacto mortal? Pacto para unhas exequias o máis lucidas posíbel? Estou exaxerando, claro, pero que significado garda esa proposta de pacto? Cal é o obxectivo? Aumentar en cantidade e calidade o uso social e público do galego ou calarnos a boca?".

Ensino en galego

María Pilar García Negro defende un pacto pola lingua que incremente os usos sociais e públicos da lingua propia e que integre os poderes públicos galegos "nunha legalidade que nunca cumpriron".

No marco desta nova proposta de consenso, tanto a profesora da UDC como Henrique Monteagudo apuntan cara a un sector prioritario: "Que significa o pacto, que nos imos contentar cunhas migallas no ensino sen chegar a que o galego sexa a lingua vehicular?, interpela García Negro. "Precisamos un modelo educativo que dea garantías ao galego, algo que non consegue o decreto de 2010. E teño a certeza que se pode conseguir", aduce Monteagudo.

Comentarios