Os actos da Galiza Mártir percorren o país

Calendario de actos en lembranza das vítimas do fascismo desenvolvido ao redor do Día da Galiza Martir. (Foto: Nós Diario)

Poio e Pontevedra acollen un ano máis os actos centrais do Día da Galiza Mártir. Unha xornada  impulsada en 1942 polos nacionalistas galegos exiliados en Bos Aires para homenaxear  Alexandre Bóveda, con motivo do aniversario do seu asasinato o 17 de agosto de 1936. A data converteuse no día de referencia para render tributo ás vítimas do fascismo na Galiza.

A xornada en lembranza de Bóveda arranca ás 13 horas de hoxe no monólito na súa honra emprazado na Caeira, en Poio, cun acto promovido pola Fundación Alexandre Bóveda e polo Concello de Poio, onde intervirán a presidenta da Fundación Alexandre Bóveda e filla do militante nacionalista asasinado, Amalia Bóveda; o escritor e vicepresidente da entidade, David Otero; o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, e o alcalde do concello de Poio, Angel Moldes.

Os actos continuarán pola tarde en Pontevedra. Así, ás 18 horas, desenvolverase unha misa no cemiterio de San Mauro e ás 19 horas un acto diante tumba de Bóveda, onde está confirmada a presenza do presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices. Pola súa banda, o BNG organiza un acto político a partir das 20.30 horas na praza Curros Enríquez, onde intervirán a responsábel do BNG de Moraña, Lucía Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a voceira nacional da formación, Ana Pontón.

A convocatoria do Día da Galiza Mártir recala tamén hoxe en diferentes localidades galegas. A asociación Alexandre Bóveda promove un acto ás 19.30 horas no paseo da Coruña que leva o nome do dirixente nacionalista coa participación de Montse Fajardo. A asociación Os Torgueiros lembra ás 17 horas na  Casa da Viúva da Gudiña (comarca de Viana) Anuncia Casado e Xosé Luís Bouzas, dirixente comunista e militante nacionalista asasinados polo franquismo. O BNG organiza ás 20 horas unha palestra en Cee (Costa da Morte) co historiador Luís Lamelas e ás 20.30 horas en Boiro (O Barbanza) homenaxea Manuel Piñeiro.

O Concello de Arzúa (comarca homónima), rende tributo ás 12 horas de hoxe, diante do busto que o lembra na praza da Galiza, a Juan Manuel Vidal, alcalde da vila fusilado en 1936. Media hora antes, o Concello da Pobra (O Barbanza) lembra todos os represaliados da localidade no conxunto escultórico da memoria histórica. Por último, o espazo da Eira da Xoana, emprazado entre A Golada (O Deza) e Palas de Rei (A Ulloa), homenaxea durante a tarde ás vítimas da represión nesas comarcas.

Galiza conmemora o Día da Galiza Mártir após una semana onde se sucederon os actos de tributo ás vítimas do franquismo. Así, a asociación Irmáns Suárez Picallo lembrou o día 11 de agosto en Sada (comarca da Coruña) os demócratas asasinados en agosto de 1936, Antonio Carballeira Muñiz, Manuel Prego Chás e Xoán Antón Suárez Picallo. Pola súa banda, o 13 de agosto Cerdedo homenaxeou Francisco Arca, Severino Bugallo e José González. Un día máis tarde, o Concello e a Deputación de Lugo lembraron as vítimas da ditadura e o BNG de Ribeira (O Barbanza) homenaxeou cunha ruada pola localidade os represaliados do municipio.

Máis actos pola memoria

Na xornada de onte, Fene e Pontevedra centraron os actos da memoria. Na primeira das localidades, o Goberno local lembrou o alcalde do período republicano e dirixente socialista, Ramón González Souto. Na segunda, a praza da Liberdade acolleu o acto Voces novas contra a impunidade, organizado pola Mocidade Galega pola Memoria.

O colectivo Nordés de Mañón (Ortegal) homenaxea ás 11.30 horas de mañá Jesús Castaño, alcalde republicano fusilado en 1937. Unha hora e media máis tarde, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín rende tributo nesta localidade do Morrazo a Carmen Pesqueira 'A Capirota', executada o 18 de agosto de 1936. A segunda feira, 19 agosto, o BNG lembra ás 19 horas en Compostela o alcalde nacionalista e editor Ánxel Casal, que tamén será homenaxeado unha hora máis tarde no concello de Teo, xunto a José Areosa, nun acto impulsado pola asociación A Oliveira.