Así foi a conmemoración do bicentenario de Vicetto

Participantes na homenaxe decorrida esta terza feira en Ferrol (Foto: Nós Diario).
Medulio e Ferrolterra Antiga homenaxean o autor da 'Historia de Galiza'.

A Sociedade Cultural Medulio e Ferrolterra Antiga, dúas organizacións culturais de Ferrol, realizaron esta terza feira, 21 de maio, unha ofrenda floral ao pé do vulto de Benito Vicetto, no Parque Municipal, co gallo de se cumpriren os douscentos anos do nacemento de quen foi o primeiro autor dunha Historia de Galiza propiamente dita (sete volumes editados entre 1865 e 1873 pola imprenta Taxonera nesa cidade). 

Na ofrenda floral participaron, lendo textos curtos da obra historiográfica, novelística e poética do escritor, ou subliñando o interese da mesma, os relatores que foron pasando polas sucesivas palestras, celebradas ao longo de dous meses.

O obxectivo fora defender e rehabilitar a figura e a obra dun intelectual maldito, que padece maltrato e ocultación no mundo académico galego. Esta homenaxe, coincidindo co día do seu nacemento, resultou unha especie de colofón das anteditas palestras que discorreran con grande afluencia de público.

Nelas fóranse debullando todos os aspectos da súa escrita inxente, propia dun traballador incansábel, inzado de amor por Galiza, disposto a dotala dunha verdadeira historia de seu. Para alén destas actividades, o traballo realizado logrou que a proposta de Medulio e Ferrolterra Antiga de declarar Vicetto fillo predilecto de Ferrol saíse adiante no pleno do Concello por unanimidade, así como outras peticións: limpar o seu vulto no Parque Municipal, e colocar unha nova placa na rúa de Ferrol Vello que leva o seu nome, dotándoa de información sobre o escritor.

Na ofrenda floral desta terza feira tomaron a palabra en persoa Antonio Casal, Rubén Labisbal, Manuela Santalla e Esperanza Piñeiro, especialistas en temas históricos; Germán Castro, xornalista, Manuel Rei, profesor e escritor, Francisco Rodríguez, profesor e escritor, e Elia Rico, profesora e escritora. 

Enviaron textos de Vicetto, por elas seleccionados, para seren lidos, as persoas que, participando nas palestras realizadas, non viven en Ferrol ou tiñan compromisos que lles impedía estar presentes: Alexandre Peres, profesor e historiador, Pilar García Negro, profesora e escritora; Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor e escritor e Juan Renales, profesor e especialista en Vicetto. 

Rematamos esta información coa frase de Vicetto, recollida por Renales en El cazador de fantasmas (1877): “Onde hai loita, hai esperanza”.