200 anos do nacemento de Benito Vicetto, o pioneiro esquecido da historiografía galega

O historiador e xornalista ferrolán naceu o 21 de maio de 1824. A súa obra, esquecida inxustamente co paso dos anos, foi chave para dotar a Galiza dun relato histórico propio.
Benito Vicetto. (Ilustración: S. G.)
photo_camera Benito Vicetto. (Ilustración: S. G.)

Tal día como hoxe, 21 de maio, pero de 1824, hai agora exactamente 200 anos, nacía en Ferrol o xornalista, dramaturgo e historiador Benito Vicetto, considerado o pioneiro esquecido da historiografía da Galiza. A figura de Vicetto, inxustamente tratada pola historiografía posterior, resulta fundamental para comprender o esforzo das primeiras xeracións de nacionalistas por dotar a Galiza dun relato histórico propio. E en realidade, toda a súa obra —tamén a literaria e a xornalística— está impregnada desa idea de "levantar o espírito nacional", nun proxecto intelectual de amplísimo espectro.

O fracaso do alzamento do 1846 e o fusilamento dos mártires de Carral, relataba Manuel Murguía, silenciou durante uns anos a reivindicación da nacionalidade galega até que Benito Vicetto fundou o periódico El clamor de Galicia poñéndose á fronte dunha nova xeración entre cuxos membros estaba o propio Murguía: "Á fronte dela púxose o malogrado Vicetto, que con Los Hidalgos de Monforte reanimara no corazón de todos os non extintos sentimentos e déralles de novo a súa bandeira", escribía en Orígenes y desarrollo del regionalismo en Galicia.

Unha das posíbeis causas deste esquecemento está na acusación que se lle fixo a Vicetto de "romantizar" en exceso a historia, denegándolle así credibilidade ao seu traballo historiográfico. Mais o historiador Alexandre Peres Vigo matiza moito esta recriminación que se lle apón. "É certo que a súa obra ten unha compoñente narrativa importante, pero as súas fontes son moi sólidas, e mesmo podería dicir que sorprende o enorme caudal de documentos aos que ten acceso", afirmaba Peres recentemente en declaracións a Nós Diario.

Tal e como explicaban nunha reportaxe do Sermos Galiza Rubén Labisbal e Antonio Casal, a maiores do relato histórico a través do seu particular ollar, Vicetto ten tamén por obxecto que sexamos quen de nos trasladar aos anos aos que se está referir a través da mención e descrición dunha serie de arquitecturas que se vinculan a feitos e personaxes mencionados con anterioridade. O Hospital dos Reis Católicos, o Pazo de Xelmírez, as murallas da Coruña, a Torre de Hércules, o conxunto do Arsenal de Ferrol... son exemplos deses “restos arqueolóxicos” que nos poñen en contacto directo co pasado.

Outro obxectivo que persigue o escritor é que sexamos non só conscientes das figuras de relevancia política, senón tamén daquelas que destacaron en diversas ocupacións ao longo dos séculos XV-XIX. Vasco da Ponte, Gregorio Fernández, Filipe da Gándara, Bieito Xerónimo Feixoo, Diego Cernadas, Xosé Cornide Saavedra, Andrés Antelo... non son poucos os nomes que se vinculan ás achegas ao mundo literario, artístico e científico daquelas centurias.

O ollo de Vicetto tamén mira para aquelas personaxes da historia sen nome ao referirnos á situación do labrego e o pago dos foros, do burgués e a presión fiscal do estado e dos homes e mulleres levantados en armas fronte ao invasor ou á inxustiza.

Comentarios