A Caeira homenaxea Alexandre Bóveda no 88º aniversario do seu asasinato

Ofrenda floral durante o acto da Caeira. (Foto Nós Diario)
No acto de Poio, os oradores exixiron aos representantes institucionais a posta en marcha de políticas activas de recuperación da memoria democrática.

"A miña Patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente como pode amar un fillo á súa nai. Endexamais a traizonaría aínda que se me concedesen séculos para vivir. Adóroa ata máis aló da miña morte"

As palabras de Alexandre Bóveda resoaron por todo o país nos múltiples actos que lembraron a súa memoria no aniversario do seu asasinato. Poio e Pontevedra acolleron os actos máis concorridos do Día da Galiza Mártir. O lugar da Caeira, en Poio, onde foi asasinado Alexandre Bóveda, e a cidade Pontevedra, na que se estabeleceu e residiu nos últimos anos da súa vida, xuntaron centos de persoas que acudiron a homenaxear o líder nacionalista executado polo franquismo o 17 de agosto de 1936.

Precisamente, a primeira destas localidades foi escollida pola Fundación Alexandre Bóveda para lembrar o mártir nacionalista nun acto promovido pola propia Fundación e polo Concello de Poio, e no que interviron o escritor e vicepresidente da entidade, David Otero, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, Amalia Bóveda, presidenta da Fundación Alexandre Bóveda e filla do militante nacionalista asasinado, o o alcalde do concello de Poio, Angel Moldes, e o conselleiro de Cultura da Xunta da Galiza, José López. Guiou o acto a concelleira de Cultura do Concello de Poio, Natalia Sabarís. 

A Fundación Alexandre Bóveda, ademais, entregou o Premio Galiza Mártir, que este ano foi outorgado ao investigador da comarca de Ordes Manuel Pazos Gómez, quen desvelou, na súa intervención, o achádego dunha entrevista inédita, nunha cinta de vídeo, a Amalia Álvarez, viúva de Bóveda, realizada por un estudante en 1989. 

Os oradores agradeceron a presenza dos representantes institucionais -este foi o primeiro ano en que acudía unha representación oficial da Xunta da Galiza no acto desde a queda do goberno bipartito do PSdeG e o BNG (2005-2009)- mais coincidiron en demandarlles a posta en marcha de políticas activas de recuperación da memoria histórica e de partidas orzamentais que amparen os proxectos dirixidos a rescatala, tal e como dispón a lexislación vixente.  

O BNG pide levar a cabo políticas de memoria histórica "reais"

En declaracións á prensa, o BNG tamén reclamou hoxe máis orzamento para políticas de Memoria Histórica “reais” por parte da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galiza e a implicación dos colectivos memorialistas nas actividades de ambas institucións, a oficialización do Día de Galiza Mártir e a declaración de San Simón como illa da memoria. A deputada da Deputación de Pontevedra, María Ortega, ex responsábel do departamento de Memoria Histórica na Deputación durante o anterior mandato, sumándose ás peticións realizadas hoxe pola Fundación Alexandre Bóveda, a Fundación Castelao, e o galardoado co Premio Galiza Mártir deste ano -Manuel Pazos- no acto de homenaxe a Alexandre Bóveda celebrado esta mañá na Caeira. 

A deputada nacionalista instou tanto á Deputación de Pontevedra como á Xunta de Galicia a que impliquen partidas orzamentarias para facer políticas de Memoria “ante o desleixo actual” e a que falen coas asociacións de memoria do país “que teñen que ser as verdadeiras protagonistas e condutoras das políticas de memoria que temos que levar dende as institucións”. 

Ortega cualificou de “vergoña” e de “fóra de lugar” os discursos oficiais realizados no acto por parte dos representantes do Partido Popular no Concello de Poio e na Xunta de Galicia, da man do alcalde de Poio e o conselleiro de Cultura,  que reivindicaron o seu traballo para ensalzar a Bóveda como patrimonio global, solicitando consenso e non confrontación, ao tempo que aseguraron “non querer ter protagonismos”. 

Ortega cualificou de “vergoña” e de “fóra de lugar” os discursos oficiais realizados no acto por parte dos representantes do Partido Popular no Concello de Poio e na Xunta de Galicia, da man do alcalde de Poio e o conselleiro de Cultura,  que reivindicaron o seu traballo para ensalzar a Bóveda como patrimonio global, solicitando consenso e non confrontación, ao tempo que aseguraron “non querer ter protagonismos”.

A nacionalista subliñou que as palabras do PP “chocan coa realidade” posto que durante o último ano Partido Popular eliminou totalmente o traballo feito polo departamento de Memoria Histórica no anterior mandato na Deputación e reduciu en máis dun 65% o orzamento da partida do departamento provincial. “Non deben escoitar o que din. Quizais era mellor que estiveran calados”, salientou, ao tempo que insistiu en que “de querer traballar pola Memoria Histórica e non ser protagonistas non só aparecerían cando hai que facer a foto, en días coma hoxe, senón que organizarían actividades e estarían de lado dos moitos colectivos memorialistas aos que nin sequera reciben. Non puideron facer balance de nada e houbo cero compromisos coa memoria. Os seus discursos estiveron baleiros”.

Ortega destacou, así mesmo, que é preciso institucionalizar e oficializar o 17 de agosto como Día de Galiza Mártir e identificar a illa de San Simón como espazo de memoria, reclamacións que o BNG leva reiterando nos últimos anos, igual que hoxe reclamaron a Fundación Bóveda, a Fundación Castelao e a propia filla de Bóveda no acto da Caeira.