A Deputación da Coruña presenta as actas do Congreso do Reino Medieval da Galiza

Presentación das actas ante o MUseo do Pobo Galego. (Foto: Deputación da Coruña)

A deputada de cultura, Natividade González, puxo en valor o “esforzo” da entidade provincial neste proxecto, xa que, “ademais de  contar coas investigadoras e os investigadores de máis prestixio no estudo do Reino Medieval da Galiza, poñemos á luz do conxunto da sociedade todo ese traballo de investigación”

O  Museo do Pobo Galego acolleu esta terza feira a presentación do libro das actas do Congreso do Reino Medieval da Galiza, que decorreu en setembro do 2022, e organizado pola área de cultura da Deputación da Coruña baixo a coordinación do historiador Anselmo López Carreira. Unha presentación que continuou ás 19:30h, aberta ao público, na que participan a deputada, Natividade González; a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e o investigador Anselmo López Carreira.

Trátase dunha publicación que contén as actas dun congreso que reuniu máis dunha vintena de historiadores e investigadores, para divulgar unha das épocas de maior esplendor histórico. “Unha obra literaria de gran relevancia histórica que nos ofrece a oportunidade de coñecer en detalle, da man de numerosos expertos, este período dourado da nosa historia, a arte, a música, a literatura, a arquitectura...” destacou o presidente da entidade provincial, Valentín Formoso.

“A Deputación da Coruña é pioneira en dar a coñecer a etapa histórica de maior esplendor político, literario, artístico, arquitectónico, económico e social dos dous mil anos de historia e personalidade político-administrativa da Galiza. E este libro que hoxe presentamos aquí é unha boa mostra do que acabamos de afirmar”, engadiu Formoso.

A deputada de cultura, Natividade González destacou o “esforzo” da entidade provincial neste proxecto, xa que, “ademais de  contar coas investigadoras e os investigadores de máis prestixio no estudo do Reino Medieval, poñemos á luz do conxunto da sociedade todo ese traballo de investigación”.

Ademais, sinalou que esta publicación se enmarca nun proxecto máis amplo, que nace do compromiso da área de cultura da Deputación de “combater o descoñecemento sobre esta etapa da nosa historia”.

“Este proxecto”, explicou, “ten tres ponlas: o Congreso, que xa se celebrou, e que recollen estas Actas; un certame para apoiar iniciativas que axuden a dar a coñecer a existencia deste importante período histórico, e unha terceira que será unha exposición como nunca se fixo sobre esta etapa da historia da Galiza, que faremos na próxima primavera en espazos públicos das cidades de Santiago e da Coruña”.

Pola súa parte, o investigador e coordinador do congreso, Anselmo López Carreira, resaltou a “calidade da publicación, proporcinal á do congreso”, que foi “pioneiro, ao poñer o foco, por primeira vez, na mesma existencia da Galiza como Reino Medieval a través de achegas científicas da máxima actualidade”. O investigador agradeceu á “área de cultura da Deputación a iniciativa do congreso, da publicación e da exposición que se levará a cabo para situar esta o Reino da Galiza no lugar que lle corresponde”.