Sé Domínguez, un nacionalista da Pondal fusilado por Franco

Pasaporte de Xosé Dominguez

Soubemos de Sé de Corzáns por Bieito Fernández, aquel antigo presidente da Sociedade nacionalista Pondal que impartía patriotismo de lei, nos seus últimos anos lucenses. Acompañando Lois Diéguez, visitámolo na súa casa da rúa Castealo, onde partillaba reflexións sobre a situación política do momento, emocionábase cos trunfos do nacionalismo, ensinábanos a súa extraordinaria biblioteca e descubríanos a loita por Galiza da súa xeración.

Bieito Fernández falábanos de Vicente Barros ou de Moises da Presa, explicábanos como os patriotas da Pondal obrigaban a respectar os galegos en Bos Aires, lembrábanos a súa actuación na campaña do estatuto e o seu mitin man a man con Bóveda en Grou, contábanos a primeira clandestinidade nacionalista contra Franco e as renuncias do grupo de Galaxia e ofrecíanos sempre o recordo e a homenaxe aos mártires. E alí xurdiu: “A Pondal tamén ten o seu mártir, chamase Xosé Domínguez, para nos o Sé de Corzáns”.

 

Coñecemos Sé Domínguez, nas páxinas da Fouce de Bos Aires, o voceiro da Pondal, onde deixou testemuño do seu pensamento e compromiso, naqueles días de emigración arxentina. A reconstitución da Irmandade nacionalista galega en 1926, a fundación da Sociedade nacionalista Pondal, a presenza na súa directiva desde a constitución en 1930, a participación na Federación de sociedades galegas, combatendo as posicións dos socialistas españois, o papel dirixente na Sociedade de fillos de Salvaterra, presidida por Manuel Puente, e a militancia sindical entre os panadeiros e os xastres, profesións nas que se desempeñou ao longo de 24 anos. E tamén as análises na prensa societaria, as crónicas nas revistas obreiras e os artigos nas páxinas da Fouce, deixando clara a súa conciencia arredista, así lle chaman entón aos independentistas, e marxista, até afirmar que “A nosa situazón non se resolve hoxe con ningún troque nin a monarquía, nin a república, nin o socialismo hespañol resolven o noso problema que é sobor de tudo, un problema de independencia”.

 

Á volta de 1930 Xosé Domínguez escribía que “a nosa situazón non se resolve hoxe con ningún troque nin a monarquía, nin a república, nin o socialismo hespañol resolven o noso problema que é sobor de tudo, un problema de independencia”

 

Seguimos a Sé Domínguez no seu retorno á terra á volta de maio de 1935 , para dirixir as loitas dos libres nas terras de Salvaterra de Miño, onde deixara pegada o seu admirado Pedro Madruga. A reorganización en xaneiro de 1936  da Federación agraria de Salvaterra, que en 1931 organizara o mitin de Daniel Castelao, e que rematara integrada na UXT, a elección como secretario xeral da entidade, o nomeamento como tenente alcalde após as eleccións de febreiro e o combate final co fascismo. Eran os días de resistencia aos golpistas, a detención de elementos reaccionarios como o cura do Fiolledo, as accións de sabotaxe para dificultar o operativo militar, o levantamento dos carrís da ponte de Alcabre, a voadura  da ponte de Santa Mariña. E ao fin a derrota, a clandestinidade, a vida ás agochadas polas cortes de Leirado, a detención o 11 de agosto de 1936, o confinamento no cárcere de Tui e Vigo, o procesamento en febreiro de 1937 e a condena a morte.

 

Limos Sé Domínguez na súa correspondencia carceraria e atopamos a coraxe do revolucionario, a xenialidade do escritor e a tenrura do namorado. Aquí a carta á Anxelina, a compañeira,  “querida Anxelina”, a Ánxela Estevez que o gardou e lembrou toda a vida, a destinataria da mensaxe máis intima, para que non esqueza que “… levados do afán da xustiza e liberación dos pobos entregamos o mellor e ofrecemos as nosas vidas no holocausto dun mundo mellor.” Agora ás letras ao mundo Galiza, ás camaradas presas na cárcere de Vigo, ás mulleres rebeldes coas que seguir a loita, a “Vos polo imperio dunha autodeterminación histórica, levaredes o faro potente que iluminará o sendeiro que nos conducirá triunfalmente en pos dun ideal superior polo cal ofrecemos as nosas vidas”. Abondarían estas liñas para lembrar o autor e colocalo nun lugar de honra na república das nosas letras, na galería dos exemplos onde mirar para facer seguir adiante.

 

E chamábase Xosé Domínguez González, naceu en Corzáns, concello de Salvaterra de Miño 1896, emigrou a Arxentina con 15 anos, regresou a Galiza en 1935 e foi fusilado en Vigo canda nove compañeiros o 24 de Febreiro de 1937.



Á volta de 1930 Xosé Domínguez escribía que “a nosa situazón non se resolve hoxe con ningún troque nin a monarquía, nin a república, nin o socialismo hespañol resolven o noso problema que é sobor de tudo, un problema de independencia”.