Bieito Fernández falábanos de Vicente Barros ou de Moises da Presa, explicábanos como os patriotas da Pondal obrigaban a respectar os galegos en Bos Aires, lembrábanos a súa actuación na campaña do estatuto e o seu mitin man a man con Bóveda en Grou, contábanos a primeira clandestinidade nacionalista contra Franco e as renuncias do grupo de Galaxia e ofrecíanos sempre o recordo e a homenaxe aos mártires. E alí xurdiu: “A Pondal tamén ten o seu mártir, chamase Xosé Domínguez, para nos o Sé de Corzáns”.
Coñecemos Sé Domínguez, nas páxinas da Fouce de Bos Aires, o voceiro da Pondal, onde deixou testemuño do seu pensamento e compromiso, naqueles días de emigración arxentina. A reconstitución da Irmandade nacionalista galega en 1926, a fundación da Sociedade nacionalista Pondal, a presenza na súa directiva desde a constitución en 1930, a participación na Federación de sociedades galegas, combatendo as posicións dos socialistas españois, o papel dirixente na Sociedade de fillos de Salvaterra, presidida por Manuel Puente, e a militancia sindical entre os panadeiros e os xastres, profesións nas que se desempeñou ao longo de 24 anos. E tamén as análises na prensa societaria, as crónicas nas revistas obreiras e os artigos nas páxinas da Fouce, deixando clara a súa conciencia arredista, así lle chaman entón aos independentistas, e marxista, até afirmar que “A nosa situazón non se resolve hoxe con ningún troque nin a monarquía, nin a república, nin o socialismo hespañol resolven o noso problema que é sobor de tudo, un problema de independencia”.
Á volta de 1930 Xosé Domínguez escribía que “a nosa situazón non se resolve hoxe con ningún troque nin a monarquía, nin a república, nin o socialismo hespañol resolven o noso problema que é sobor de tudo, un problema de independencia”
Seguimos a Sé Domínguez no seu retorno á terra á volta de maio de 1935 , para dirixir as loitas dos libres nas terras de Salvaterra de Miño, onde deixara pegada o seu admirado Pedro Madruga. A reorganización en xaneiro de 1936 da Federación agraria de Salvaterra, que en 1931 organizara o mitin de Daniel Castelao, e que rematara integrada na UXT, a elección como secretario xeral da entidade, o nomeamento como tenente alcalde após as eleccións de febreiro e o combate final co fascismo. Eran os días de resistencia aos golpistas, a detención de elementos reaccionarios como o cura do Fiolledo, as accións de sabotaxe para dificultar o operativo militar, o levantamento dos carrís da ponte de Alcabre, a voadura da ponte de Santa Mariña. E ao fin a derrota, a clandestinidade, a vida ás agochadas polas cortes de Leirado, a detención o 11 de agosto de 1936, o confinamento no cárcere de Tui e Vigo, o procesamento en febreiro de 1937 e a condena a morte.
Limos Sé Domínguez na súa correspondencia carceraria e atopamos a coraxe do revolucionario, a xenialidade do escritor e a tenrura do namorado. Aquí a carta á Anxelina, a compañeira, “querida Anxelina”, a Ánxela Estevez que o gardou e lembrou toda a vida, a destinataria da mensaxe máis intima, para que non esqueza que “… levados do afán da xustiza e liberación dos pobos entregamos o mellor e ofrecemos as nosas vidas no holocausto dun mundo mellor.” Agora ás letras ao mundo Galiza, ás camaradas presas na cárcere de Vigo, ás mulleres rebeldes coas que seguir a loita, a “Vos polo imperio dunha autodeterminación histórica, levaredes o faro potente que iluminará o sendeiro que nos conducirá triunfalmente en pos dun ideal superior polo cal ofrecemos as nosas vidas”. Abondarían estas liñas para lembrar o autor e colocalo nun lugar de honra na república das nosas letras, na galería dos exemplos onde mirar para facer seguir adiante.
E chamábase Xosé Domínguez González, naceu en Corzáns, concello de Salvaterra de Miño 1896, emigrou a Arxentina con 15 anos, regresou a Galiza en 1935 e foi fusilado en Vigo canda nove compañeiros o 24 de Febreiro de 1937.
Á volta de 1930 Xosé Domínguez escribía que “a nosa situazón non se resolve hoxe con ningún troque nin a monarquía, nin a república, nin o socialismo hespañol resolven o noso problema que é sobor de tudo, un problema de independencia”.