A guerrilla esquecida de ‘Pasoslargos’

Venancio Seoane Bouso após ser asasinado pola Garda Civil en Valcarría, concello de Viveiro, na comarca da Mariña. (Foto: Cilia Torna).

Venancio Seoane Bouso é outro loitador antifascista maltratado pola historia. Integrado na guerrilla mariñá de dirección socialista liderada por Luis Trigo “O Gardarríos”, morreu facendo parte da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro da Galiza.

Chamábase Venancio Seoane Bouso pero desde que naceu en 1906, nas Rodrigas, concello de Riotorto, na comarca de Meira, foi coñecido por “Pasoslargos”, a consecuencia dunha malformación no pé dereito.

A súa foi unha vida dura. Fillo de nai solteira e de extracción social moi humilde, desenvolveuse como xornaleiro, segador en Castela, carreteiro, comisionista e trapeiro, con viaxes de ida e volta a Madrid, onde pasaba longas tempadas.

O 18 de xullo de 1936 atopábase en Madrid e non tardou en incorporarse ás Milicias Galegas, corpo voluntario do exercito popular, formado por emigrantes galegos, a iniciativa dos deputados nacionalistas Daniel Castelao e Ramón Suárez Picallo.    

Soldado das unidades do exército popular durante a guerra dos tres anos, concretamente no oitavo corpo do exército con sé en Pozoblanco (Andalucía), unha vez rematada a contenda retornou a Riotorto fuxindo da represión, onde foi detido o 11 de decembro de 1939, sendo encarcerado até 1941 en diversos presidios franquista

Luis Trigo

A incorporación de “Pasoslargos” á guerrilla antifascista fíxose efectiva á volta de 1942. Nese ano, integrouse no grupo de orientación socialista liderado por  Luis Trigo nas terras da Mariña e da Corda, participando en decembro de 1942 no asalto á Irmandade de Labradores de Barreiros (comarca da Mariña).

A ruptura de Venancio Seoane co PSOE e con Luis Trigo e a súa incorporación ao Exercito guerrilleiro de Galiza e á disciplina comunista produciuse á volta de 1946. Segundo sinalou o propio “Pasoslargos”, nun informe que remataría en mans da policía, “o 22 de outubro do pasado ano cheguei a Viveiro, e comprobei a existencia do PC neste zona, este sufrira un golpe facía uns seis meses”.

A loita da IV Agrupación

Seoane detalla no seu relatorio que a comezos de decembro de 1947 reorganizouse o operativo guerrilleiro no concello de Viveiro (comarca da Mariña), dividíndose nun destacamento dirixido por José Temblas Paz e formado por Benedito Escourido, Placido Ribera Cociña e Francisco Insua e outro, liderada por José Antonio Franco “O Caudillo” e conformada por Leonardo Gómez Pérez “O Trancas”, José Balea, Francisco Ínsua e Venancio Seoane.

O documento dá conta das actividades da guerrilla nas terras mariñás. Así, sinala que o 16 de febreiro de 1948  “axustizamos a dous deses elementos convictos e confesos do que o pobo os acusaba. Un dos chivatos, chamábase Vicente Vigo da parroquia de Viveiró, concello de Muras, o outro chamábase Daniel Fernández, de Rego de Varas, parroquia de Xerdiz, concello de Ourol”.

O 23 de outubro de 1948 apareceu o cadáver de Venancio Seoane, no lugar de Panchigás, parroquia de Valcarría, concello de Viveiro. Segundo afirma, en relación con estes feitos, o comandante de posto da Garda Civil de Viveiro, nunha circular datada o 3 de novembro, “despréndese que os móbiles que orixinaron a morte do referido bandoleiro foi unha loita sostida con membros deste corpo da Garda Civil”.

A morte de “Pasoslargos” foi recollida no xornal comunista Mundo Obrero, no seu número de novembro de 1948, sinalando  que “a Garda Civil, continua ensanguentando o chan da nosa patria. Un día e outro, demócratas españois, caen vilmente, asasinados polos foraxidos do tricornio. Fai uns días, foi asasinado en Viveiro, provincia de Lugo, o patriota Venancio Seoane Bouso. Como na maior parte dos casos a Garda Civil disparou sobre el, sen previo aviso, cumprindo as ordes que o verdugo do noso pobo, Francisco Franco, lles deu”.