Un ladrón poeta
O sete de novembro de 1898 Andrés Vázquez Peña, de cuarenta e oito anos, xastre de profesión, solteiro e natural de Nantín, lugar da parroquia de Cascallá, no concello lugués de Becerreá (aínda que hai quen di que era natural de Fontes, no mesmo concello) é chamado a comparecer perante a Audiencia de Lugo por tentativa de roubo a María Peña, veciña de Pousada, no concello de Baralla.
Un mes máis tarde, o dez de decembro, La idea moderna dános conta da detención, despois de terse fugado do cárcere e roubar, na noite do sete ao oito, a igrexa parroquial de Becerreá, non a actual -inaugurada en 1927 seguindo un proxecto do arquitecto Nemesio Cobreros que a ideou en estilo neogótico e que hoxe podemos ver reforzada con medidas antisísmicas- mais a anterior, situada no cemiterio e hoxe inexistente por mor do traslado das pedras para a nova construción.
Daquela vella igrexa non resta nada salvo unha fotografía tirada pola cámara de Ruth Matilda Anderson. Aquel día de decembro Andrés entrou polo campanario e daí baixou ao interior, o que non debeu ser difícil dada a pouca altura do campanario e que el era un home moi miúdo.
E logo contouno en verso:
Día 8 de diciembre
por ser día señalado
en Becerreá están diciendo
la iglesia nos han robado
Vazquez Peña era especialista en roubar igrexas. E en fugas do cárcere. En 1899 conseguiu fugarse máis dunha vez. Nen sequera o moderno cárcere de Lugo, con todas as medidas de seguridade, pode con el:
El patio del redondel
tiene su garita en medio
donde afilian al entrante
para llevarlo al encierro.
He estado en Barcelona
también estuve en Madrid
y no he visto tantas puertas
como las que vi allí
Primeiro en abril dese ano. En vista na Audiencia o día nove é condenado a catro meses de arresto maior por roubo. Arresto que deberá cumprir en Chinchilla, un cárcere sinistro, construído dentro do castelo que en 1504 albergou César Borgia, prisioneiro de Fernando o Católico, e cuxo físico, alto, atlético, capaz de partir unha lanza coas mans ou de lanzar o alcaide da prisón desde o alto da torre contrasta ben co de Andrés.
Cesar Borgia, o de pupilas pardas e pelo roxo como o da meniña da aldea da Torre, en Vilagarcía
Na aldeíña da Torre
non entra un carro con toxo
por causa dunha meniña
que ten o peliño roxo
En xullo de 1901, cando é conducido en tren desde Lugo ao penal de Chinchilla fugouse en Sahagún saltando de noite do tren e correndo por un campo de trigo. Xa se fugara tres veces do cárcere, dúas de Becerreá e unha de Monforte. Na orde de busca e captura emitida polo director xeral de establecementos penais o 20 de xullo de 1891 di que é un home de “1,46 de estatura, cara chupada, nariz e boca regulares, pelo e cellas negros, ollos castaños, barba branca e boa cor”
Poucos días despois desta orde foi detido de novo en Pantón. Porque Andrés Vázquez Peña, cualificado como un home “sen instrución, audaz, valente e moi amigo de escreber en verso” sempre volvía a Lugo. E en Lugo sempre o detiñan. Fíxose famoso non só polas súas reiteradas fugas. Tamén por contar a súa historia en verso e publicala nun periódico. E por lle enviar unha carta desde Valladolid ao vixiante do cárcere de Lugo desexándolle saúde e lamentando a sanción aos gardas civís que o custodiaban na viaxe a Chinchilla.
O día 31 dese mes de xullo tomou de novo tren para Sahagún. En 1904 é trasladado a Alxeciras. Desde aquela o seu nome desaparece da prensa.
Fican os seus versos:
Adiós Lugo para siempre
capital de mi lugar
que pronto me embarcarán
en el coche celular.