Un ladrón poeta

Screen Shot 2018-05-31 at 21.04.59

O sete de novembro de 1898 Andrés Vázquez Peña, de cuarenta e oito anos, xastre de profesión, solteiro e natural de Nantín, lugar da parroquia de Cascallá, no concello lugués de Becerreá (aínda que hai quen di que era natural de Fontes, no mesmo concello) é chamado a comparecer perante a Audiencia de Lugo por tentativa de roubo a María Peña, veciña de Pousada, no concello de Baralla.

Un mes máis tarde, o dez de decembro, La idea moderna dános conta da detención, despois de terse fugado do cárcere e roubar, na noite do sete ao oito, a igrexa parroquial de Becerreá, non a actual -inaugurada en 1927 seguindo un proxecto do arquitecto Nemesio Cobreros que a ideou en estilo neogótico e que hoxe podemos ver reforzada con medidas antisísmicas- mais a anterior, situada no cemiterio e hoxe inexistente por mor do traslado das pedras para a nova construción.

Daquela vella igrexa non resta nada salvo unha fotografía tirada pola cámara de Ruth Matilda Anderson. Aquel día de decembro Andrés entrou polo campanario e daí baixou ao interior, o que non debeu ser difícil dada a pouca altura do campanario e que el era un home moi miúdo.

E logo contouno en verso:

Día 8 de diciembre

por ser día señalado

en Becerreá están diciendo

la iglesia nos han robado

Vazquez Peña era especialista en roubar igrexas. E en fugas do cárcere. En 1899 conseguiu fugarse máis dunha vez. Nen sequera o moderno cárcere de Lugo, con todas as medidas de seguridade, pode con el:

El patio del redondel

tiene su garita en medio

donde afilian al entrante

para llevarlo al encierro.

He estado en Barcelona

también estuve en Madrid

y no he visto tantas puertas

como las que vi allí

Screen Shot 2018-05-31 at 21.05.06E con tanta porta non é difícil saír. Mais é en 1901 cando o seu nome salta á fama.

Primeiro en abril dese ano. En vista na Audiencia o día nove é condenado a catro meses de arresto maior por roubo. Arresto que deberá cumprir en Chinchilla, un cárcere sinistro, construído dentro do castelo que en 1504 albergou César Borgia, prisioneiro de Fernando o Católico, e cuxo físico, alto, atlético, capaz de partir unha lanza coas mans ou de lanzar o alcaide da prisón desde o alto da torre contrasta ben co de Andrés.

Cesar Borgia, o de pupilas pardas e pelo roxo como o da meniña da aldea da Torre, en Vilagarcía

Na aldeíña da Torre

non entra un carro con toxo

por causa dunha meniña

que ten o peliño roxo

En xullo de 1901, cando é conducido en tren desde Lugo ao penal de Chinchilla fugouse en Sahagún saltando de noite do tren e correndo por un campo de trigo. Xa se fugara tres veces do cárcere, dúas de Becerreá e unha de Monforte. Na orde de busca e captura emitida polo director xeral de establecementos penais o 20 de xullo de 1891 di que é un home de “1,46 de estatura, cara chupada, nariz e boca regulares, pelo e cellas negros, ollos castaños, barba branca e boa cor”

Poucos días despois desta orde foi detido de novo en Pantón. Porque Andrés Vázquez Peña, cualificado como un home “sen instrución, audaz, valente e moi amigo de escreber en verso” sempre volvía a Lugo. E en Lugo sempre o detiñan. Fíxose famoso non só polas súas reiteradas fugas. Tamén por contar a súa historia en verso e publicala nun periódico. E por lle enviar unha carta desde Valladolid ao vixiante do cárcere de Lugo desexándolle saúde e lamentando a sanción aos gardas civís que o custodiaban na viaxe a Chinchilla.

Screen Shot 2018-05-31 at 21.16.39Un xornalista de Lugo entrevístao no cárcere antes de ser enviado de novo a Chinchilla. E o preso conta con todo o pormenor o que antes xa contara en verso: como chegou a Galiza desde Sahagún, como houbo de vender as botas e como pensou roubar o cura de Becerreá, observándoo tumbado entre as maceiras, sabedor de que alí había seis ou sete mil pesetas agardando por el. Mais non o fixo.

O día 31 dese mes de xullo tomou de novo tren para Sahagún. En 1904 é trasladado a Alxeciras. Desde aquela o seu nome desaparece da prensa.

Fican os seus versos:

Adiós Lugo para siempre

capital de mi lugar

que pronto me embarcarán

en el coche celular.

Comentarios