A Pobra do Caramiñal homenaxea Joaquín Fernández Millán e todo o exilio republicano

Acto de homenaxe ao exilio republicano e soldados da compañía 'A Nove' este 24 de agosto. (Foto: Nós Diario).
Unha semana despois de conmemorar o Día da Galiza Mártir, o Concello da Pobra (O Barbanza) rendeu homenaxe ao exilio republicano e aos soldados da compañía 'Nove'.

A chuvia de primeira hora deste sábado obrigou a trasladar os actos de recoñecemento ao exilio republicano e, en particular, ao soldado da Pobra do Caramiñal no exército vasco Joaquín Fernández Millán.

Porén, tal e como estaba previsto, a xornada rematou onde a escultura pola memoria histórica situada nos Xardíns de Valle-Inclán cunha ofrenda floral e foto grupal de familiares de exiliados republicanos, asociacións memorialistas e veciñanza.

Segundo fixeron constar, o 24 de agosto de 1944, en plena II Guerra Mundial, as forzas da Resistencia erguéronse en París contra os ocupantes alemáns, contando coa colaboración da 2ª División Blindada do xeneral Leclerc.

'A Nove'

Nesta incursión, 'a Nove' foi a primeira das forzas do xeneral Charles de Gaulle en entrar na capital francesa, "composta case exclusivamente por combatentes españois", aos que o Concello da Pobra agasallou este sábado, coincidindo co 80 aniversario da súa chegada a París.

"Reunímonos aquí para render tributo á memoria daqueles homes e mulleres que, defendendo os ideais de liberdade, xustiza e democracia, foron obrigados a emprender o duro camiño do exilio", salientou a concelleira da Memoria Histórica, Patricia Lojo no arranque da homenaxe.

"O exilio republicano non foi simplemente unha partida forzada, é unha cicatriz profunda na nosa historia", dixo para lembrar os soldados que tras a Guerra Civil se viron na obriga de abandonar as súas casa e territorios "levando consigo a dor da derrota".

Moitos deles atoparon refuxio en terras estranxeiras e acabaron por ser parte da 'Nove'. "O recordo da súa loita ten que inspirarnos a seguir construíndo unha sociedade máis xusta, democrática e solidaria. Unha sociedade na que xamais se volva a repetir a dor da guerra nin o desgarro do exilio".

Juan Galán, biógrafo de Joaquín Fernández Millán fixo memoria da Guerra Civil e da 'Retirada', "como así se chama este éxodo de proporcións case bíblicas, baleirou España de poetas e intelectuais, da súa mellor xente", manifestou, como Antonio Machado ou Rafael Dieste.

Joaquín Fernández Millán

Porén, tamén quixo recordar a todos os homes e mulleres "que non teñen voz e non adoitan aparecer nos libros de historia". Aquí lembrou Joaquín Fernández Millán, veciño da Pobra, representado no acto por parte da súa familia.

Este home loitou activamente durante a guerra no bando republicano. Ferido por metralla en outubro de 1936, acabou refuxiándose en Olot (Girona) no verán de 1937. Durante a 'Retirada', afastado da súa familia, estivo recluído en diversos campos de concentración franceses. Tras a liberación de París marchou a Estrasburgo para regresar despois á capital francesa onde viviu até o seu falecemento en 1982.

"O que estamos a facer hoxe aquí é tornar a nosa mirada ao pasado, contando sucesos e xulgándoos. A memoria histórica democrática non caduca co paso do tempo, senón que é necesaria", puntualizou Galán.

A neta de Joaquín Fernández Millán, Virginia Fernández, achegou o seu relato persoal. Rememorou o pasado do seu avó e como co remate da ditadura, tras case 40 anos de exilio, tivo a oportunidade, con 67 anos, de regresar ao seu Maño natal.

"Hai 80 anos, en agosto de 1944, os franceses e as forzas aliadas liberaron París, así viña nos meus libros de historia. Non é ata o 2004, 60 anos despois, que a cidade de París realizou a homenaxe adecuada aos españois da División Leclerc, da compañía 'Nove', primeira unidade en entrar na capital para a súa liberación. Hoxe a mágoa é que pasaron moitos anos, que practicamente non quedan republicanos exiliados e que moitos non recibiron nunca ningún recoñecemento. Nin as grazas. A todos eles quixera dicirlles que si, que sabemos que existiron, que estamos orgullosos deles e que tiñan razón: a democracia era e é o camiño correcto", subliñou.