Mañón e Marín lembrarán a veciñanza que foi represaliada

Placa situada na praza da Capirota de Marín. (Foto: Nós Diario)
Máis actos con motivo do Día da Galiza Mártir, que decorre o sábado.

Coincidindo coa conmemoración do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir ducias de actos por todo o país honran a memoria de persoas represaliadas polo fascismo, tanto no verán de 1936 como ao longo da ditadura.

Así, no 88 aniversario da morte de Alexandre Bóveda, a fundación que leva o seu nome participará no xa tradicional acto que todos os anos decorre na Caeira, en Poio (comarca de Pontevedra), en colaboración con este Concello e co de Pontevedra. Na homenaxe participarán o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; o vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, David Otero; e a filla do galeguista e presidenta da fundación, Amalia Bóveda

Pola tarde, a praza de Curros Enríquez de Pontevedra acollerá un acto político en homenaxe a Alexandre Bóveda, organizado neste caso polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) no que intervirán a portavoz nacional, Ana Pontón, o rexedor da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e a responsábel local da formación nacionalista no concello de Moraña (comarca de Caldas), Lucía Silva

O domingo, Nordés-Asociación de Desenvolvemento das Terras da Faladora, no marco das XIV Xornadas Memoria dun Tempo, descubrirá a placa en homenaxe a Jesús Castaño Galdo, alcalde de Mañón (Ortegal) desde o 16 de marzo de 1936 até que foi deposto polos golpistas a mediados de xullo dese mesmo ano. O acto decorrerá fronte á que foi a vivenda de Castaño, no número 5 da rúa Covas, no Barqueiro, e nel participarán o actual alcalde de Mañón, Alfredo Dovale, e Carme e Mª Jesús Armada, netas do rexedor que foi represaliado no Castelo de San Felipe xunto con cinco dos seus veciños. Intervirá tamén o historiador e catedrático de Historia Contemporánea da USC, Emilio Grandío.

Tamén o domingo, en Marín (O Morrazo), a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín organiza o acto de lembranza e homenaxe a Carmen Pesqueira Domínguez 'A Capirota', veciña represaliada, violada, torturada e asasinada polo franquismo o 18 de agosto de 1936 por defender un grupo de persoas maiores ao que unha banda de falanxistas estaba maltratando. O evento en lembranza da Capirota decorrerá ás 13 horas na praza que leva o seu nome.