Este sábado, 3 de decembro, 'Nós Diario' agasalla o libro 'Foron por elas: mulleres represaliadas polo franquismo'

Detalles das capas dos cinco libros, obra do grafista Pepe Barro.
A obra, totalmente gratuíta xunto ao xornal, afonda na vida das mulleres perseguidas polo réxime franquista.

Foron por elas. Perseguíronas, detivéronas e asasináronas cruelmente. Esta é a historia de centos de mulleres galegas que sufriron nas súas propias carnes a represión do franquismo desde o golpe de Estado de xullo de 1936, as protagonistas daqueles escuros acontecementos que permaneceron na penumbra co paso dos anos. Nós Diario recupera agora a súa memoria.

Este sábado, 3 de decembro, recibirás xunto ao xornal de agasallo, totalmente gratuíto, o libro Foron por elas: mulleres represaliadas polo franquismo, editado por Sermos Galiza S.A. Destacadas especialistas como Montse Fajardo, Carme Vidal, Aurora Marco, Eliseo Fernández, Manuel Pazos ou Elsa Quintas recuperan figuras que van desde a que sería a musa do teatro europeo, María Casares, até mulleres humildes que mantiveron as súas casas abertas aos fuxidos, como Bernarda Veiga García, e cuxo compromiso quedou enterrado baixo anos de medo e de silencio.

A obra tamén aborda a vida de, por exemplo, Rosario Hernández Diéguez A Calesa, de quen a memoria popular conta que a raparon e violaron antes de sometela a horas de humillación e violencia covarde que remataron co seu asasinato, ou a das coñecidas como as tres rosas vermellas do Candedo, protagonistas dunha traxedia que marcou para sempre a veciñanza de Ourol.

Con todo, Foron por elas é só o primeiro dos cinco volumes que Nós Diario entregará canda o xornal cada sábado de decembro. Os seguintes sábados entregaranse: o día 10, Ao pé da terra; o día 17, Dar que pensar; o día 24, Eira das Mouras, e, finalmente, o día 31, Relatan... Nós.

Os libros a partir do sábado 10 serán de balde para as subscritoras e subscritores e terán un prezo de 2 euros para o resto do público, máis o custo do Nós Diario dos sábados, que vén acompañado do semanario Sermos Galiza —tres euros en total—. As persoas subscritas á edición dixital do xornal tamén terán acceso gratuíto á unha edición electrónica de cada un dos volumes.

Os deseño da capa dos libros corre a cargo do grafista e deseñador Pepe Barro e o conxunto dos volumes conforma unha colección que, dalgunha maneira, reflicte as palabras de Xoán Costa, conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A. no acto de celebración dos dez anos do proxecto: o propósito do proxecto é reafirmar "o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego, entendendo por tal aquel que coloca o galego como única lingua de comunicación e a Galiza como miradoiro desde o cal ollar o propio país e tamén o mundo".