UPG lembra Moncho Reboiras no cemiterio de Imo

Acto no cemiterio de Imo. (Foto: Nós Diario)

Ofrenda floral na tumba do nacionalista asasinado hai hoxe 49 anos en Ferrol.

O cemiterio de Imo (Dodro, comarca do Sar), acolleu na mañá desta segunda feira o acto de tributo da Unión do Povo Galego (UPG) a Xosé Ramón "Moncho" Reboiras Noia, militante desta organización asasinado pola Policía española en Ferrol o 12 de agosto de 1975.

“Grazas á UPG a memoria de Reboitas está viva”, afirmnou Xoán Bautista Mariño, portavoz do BNG no Concello de Dodro, e quen citou unha letra de Sés para afirmar que “se aínda estamos aquí aturando tempestades de sal é grazas ao traballo nacionalista, como o que fixo Reboiras”.

Mariño Abuín animou a manter o compromiso coa Galiza, nunha loita dirixida a rematar co “espolio” ao que está “sometida a nosa Terra”, unha loita que bebe do “traballo feito por todo o pais” ao longo destas décadas polo nacionalismo, incidindo en que “se estamos aquí” é polo compromiso desenvolvido por xente como Moncho Reboiras.

A seguir tomou a palabra Manel Casal, secretario nacional de Organización da UPG, afirmando que estes actos non deben de ficar nun simple trubuto ou “recordatorio”, senón que “teñen que servir para tirar leccións”.

Casal manifestou que no “espertar dos pobos oprimidos, foi o marxismo a pedra angular das análises e sobre os que se construíron eses movementos”. Por iso, indicou, “nunca foi a UPG nin o nacionalismo dependente de modelos alleos. Sempre aplicamos o marxismo á nosa realidade, bebendo dos que nos precederon”.

O responsábel de organización do partido parabenizou que haxa “cada vez máis pobos facendo fronte ao imperialismo” e chamou a pórse “do lado” dos que “combaten o modelo que nos oprime”.

O da mañá en Dodro non é o único acto da UPG na xornada deste 12 de agosto.  Ás 16.30 horas no local da sociedade O Pote de Maniños, en Fene, desenvolverase un debate sobre o marxismo e a cuestión nacional introducido polo dirixente da UPG e do BNG Rubén Cela.

Ademais, Ferrol será o centro dos actos organizados por esta formación, que arrancarán ás 19 horas diante do portal da rúa da Terra onde foi executado o militante nacionalista, cunha intervención da dirixente da UPG e da CIG Susana Méndez.

Os actos de tributo a Reboiras da UPG terán continuidade ás 19.30 horas cun acto político no Cantón de Ferrol, no cal tomarán a palabra a voceira do BNG en Narón e integrante da Executiva Nacional do BNG, Olaia Ledo; o parlamentario e responsábel da organización xuvenil da Unión da Mocidade Galega (UMG), Iago Suárez, e o secretario xeral dese partido e voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego.